José Antonio Domínguez Varela, nomeado novo xerente do Consorcio de Santiago

Consello de Administración do 6 de febreiro de 2025
xoves, 6 Febreiro, 2025

O Consorcio de Santiago tivo lugar este xoves 6 de febreiro unha reunión do Consello de Administración encabezada pola presidenta do ente interadministrativo e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no Pazo de Vaamonde. En representación da Administración Xeral do Estado participouÁngel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Hacienda; e por parte da Xunta, Elvira Casal, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

 

Na reunión, o Consello de Administración nomeou a José Antonio Domínguez Varela como novo xerente do Consorcio tras un proceso que por primeira vez se desenvolveu cunha convocatoria aberta publicada no BOE con base a uns criterios acordados no seo do propio Consorcio no que están representados as tres administracións. Para o proceso de selección de libre designación, o Consorcio convocou unha comisión de selección na que participaron as tres administracións e que incluíu entrevistas ás persoas candidatas.

 

José Antonio Domínguez Varela é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha dilatada experiencia na Administración autonómica. Actualmente, dende novembro de 2024, desempeñaba a función de subdirector xeral de Emprendemento na Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e, con anterioridade, foi vicesecretario xeral na Secretaría Xeral Técnica da actual Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

 

Ademais, tamén é presidente da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela de Santiago de Compostela, dende 2022; e vicepresidente da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago de Compostela, desde xullo de 2024.

 

José Antonio Domínguez Varela tomará posesión do seu cargo despois de que o seu nomeamento sexa publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).