A intervención do Consorcio de Santiago pon á disposición da cidadanía o cemiterio da Orde Terceira

Cemiterio da Orde Terceira Franciscana
xoves, 21 Abril, 2022

O Alcalde e Presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou esta mañá o cemiterio da Orde Terceira Franciscana, situado xunto á capela do mesmo nome, no campiño de San Francisco, tralos traballo de recuperación desenvolvidos dende o ente interadministrativo. No acto, tamén estiveron presentes a xerente do Consorcio, Belén Hernández, os arquitectos Lourdes Pérez e Xosé Allegue, directora da oficina técnica do Consorcio de Santiago e responsable do proxecto, respectivamente; Juan Conde, responsable de publicacións do Consorcio e María del Carmen Porto e Ángel Porto, responsables da Orde Terceira Franciscana.

 

"O labor foi a de sacar á luz moitas das cousas que había no cemiterio e que non estaban á vista, para facilitar sobre todo a visita pública que se está a facer nestes momentos", indicou Xosé Allegue. "En todo caso, o cemiterio está en bo estado e aberto ao público que era a finalidade da intervención do Consorcio", engadiu.

 

Pola súa parte, Ángel Porto, secretario da Orde Terceira, agradeceu a labor da intervención do Consorcio grazas á que se poderá coñecer este camposanto anexo á capela "feita por Domingo de Andrade que foi ministro desta orde e mestre de obras da Catedral".

 

O camposanto, que data do ano 1836, está aberto ao público os xoves, sábados e domingos, en horario de 12h a 14h. Trátase dun recuncho apenas coñecido da cidade que agora pode ser visitado pola cidadanía e que alberga os enterramentos de varias e coñecidas familias compostelás.

 

Os traballos de rehabilitación do cemiterio consistiron no acondicionamento e limpeza de todo o espazo, para que volvese ser accesible, así como a restauración da reixa de acceso, demolición dos tabiques laterais de ladrillo e a restauración da carpintería de acceso á sacristía.

 

Ademais, houbo unha mellora no pavimento, co emprego de lousas vellas con xuntas abertas para facilitar o crecemento da herba. Tamén se eliminou a vexetación que estaba a danar o edificio. A intervención foi realizada por Obras Gallaecia S.L. por un importe de 40.979,90€.

 

Dous séculos de historia
Entre os elementos singulares que poderemos atopar no cemiterio da Orde Terceira está un interesante monumento funerario, que conta cunhas placas funerarias en bronce, obra do gravador, pintor e artesán de comezos do século XIX Cayetano Jordán, quen destacou como gran broncista e foi o autor da lápida sepulcral do deán Andrés Acuña y Malvar no claustro da Catedral de Santiago.

 

Anexo ao cemiterio tamén se atopa a Capela da Orde Terceira Seglar Franciscana de Santiago, obra do recoñecido arquitecto barroco Domingo de Andrade.

Documentos relacionados: