Exposición de pinturas de Rafael Romero Masiá na Casa do Cabido

venres, 25 Febreiro, 2022

A Casa do Cabido acolle a exposición Romero Masiá. `Pintor en Compostela´. Abstracción/Figuración, patrocinada polo Consorcio de Santiago, que reúne obras pictóricas realizadas na última década polo artista compostelán Rafael Romero Masiá.

 

O artista explica que a través desta mostra pretende “amosar unha parte do traballo xerado nos últimos oito ou dez anos, expoñendo catro ou cinco obras das diferentes series realizadas neste intervalo de tempo. Así pois, figuran obras totalmente abstractas, outras meramente figurativas, e tamén outras que conxugan ámbolos dous conceptos. Á súa vez hai diversidade de técnicas e soportes empregados como papel, táboa, tea, metacrilato, cartón pluma… e materiais como ceras, óleos, lapis e mesmo hai algunha tímida incursión no mundo dixital”.

 

Masiá, a pintura como exercicio pasional

 

O traballo pictórico de Rafael Romero Masiá (Santiago de Compostela, 1953) é unha chamada para lembrarnos a necesidade da pintura como paixón. Entre as súas obras abstractas poden contemplarse pezas das series Transparencias (2010), Metacrilatos (2012-13), Abstraccións sobre algodón (2013-15), Contrastes (2018), Pintocerámica (2014-19) e as máis recentes Dixital (2021) -tirada múltiple en impresión dixital- ou Camiño (2021) -vencellada ao Camiño de Santiago-. Nelas reflíctense os “territorios emocionais” do autor, as súas “paisaxes da alma”.

 

Pola súa parte, a visión figurativa, reinterpretada desde o humor e a ironía polo artista, atópasase explícita en series como Pintujos (2013-2017) ou Rostros (2021). A través destas pezas o autor incide na prevalencia do debuxo como signo de calidade pero tamén na mirada simbólica.

 

Masiá agradece ao Consorcio de Santiago “esta magnífica oportunidade de mostrar o meu traballo nun espazo tan singular como a Casa do Cabido, e aínda máis nestes tempos tan difíciles e confusos do mundo da arte”.

 

A xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, referiuse a Masiá como “un dos artistas máis senlleiros da cidade, con proxección nacional e internacional, cunha produción moi diversa e que sempre sorprende”. Pola súa parte, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, salientou que se trata de “unha obra extraordinaria, dunha gran beleza e sensibilidade”, un artista que non está suxeito a modas e que é herdeiro e continuador dos grandes mestres.

 

O artista

 

Rafael Romero Masiá nace en Santiago de Compos­tela en 1953. Licenciado en Belas Artes pola facultade Santa Isabel de Hungría de Sevilla, realiza posteriormente estudos de paisaxe en Sego­via. Logo trasládase a Italia, onde se forma en gravado e pintura na facultade de Belas Artes “Pietro Vannucci“ de Perugia. Desde o ano 1982 é profesor numerario de Debuxo Artístico na Escola de Artes de Santiago.

 

Horarios da exposición

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público.