A exposición de César Lombera estará na Casa do Cabido ata despois de Semana Santa

venres, 9 Marzo, 2018

A Casa do Cabido acolle a exposición Parafernalia, unha retrospectiva da obra do escultor César Lombera, autor das Marías e do Valle-Inclán da Alameda compostelá. Inaugurábase a finais de decembro do pasado ano e, dende entón, xa visitaron a mostra preto de 3.000 persoas. Este éxito de público levou ao Consorcio de Santiago a ampliar a súa permanencia na Casa do Cabido ata despois da Semana Santa.

 

Nesta exposición amósase o universo popular, fantástico, festivo, teatral e colorista de César Lombera durante as diferentes etapas do artista de orixe vasca, aínda que galego de adopción. Así, poden contemplarse pezas tan diversas como os cabezudos da catedral de Santiago, máis coñecidos como a Coca e o Coco; unha réplica das estatuas das Marías e do Valle-Inclán da Alameda, que locen nos balcóns da Casa do Cabido; máscaras de carnaval…

 

Destacan de xeito particular unha serie de esculturas en aluminio pulido vencelladas ao mundo mariñeiro: sereas, peixes, ollos de boi, mergulladores, nenos bañándose na praia… Noutro espazo abórdase o “humor negro”, un conxunto de debuxos e esculturas de gran formato de figuras negras. Tamén se resaltan formas orgánicas, esculturas de gran tamaño realizadas con distintos materiais como bronce, madeira… E poden verse esbozos, cadros ou debuxos creados polo autor ao longo da súa traxectoria.

 

Cada unha das seccións nas que se divide a mostra acompáñase dun texto explicativo. Ademais, o texto de presentación da exposición é de Ramón Yzquierdo, o director do Museo da Catedral de Santiago, que colaborou co artista na selección das obras que finalmente integran esta retrospectiva.

 

Horarios da Casa do Cabido

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata despois da Semana Santa. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.