O 24 de outubro cúmprense 20 anos do falecemento de Eugenio Granell (A Coruña, 1912-Madrid, 2001). Para conmemorar esta efeméride, o Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora sacan á luz dúas publicacións vencelladas ao gran pintor surrealista galego: Eugenio Granell. Regreso de un surrealista exiliado, da historiadora Violeta González Forte, e Un diálogo entre supervivientes: Eugenio Granell y Vicente Llorens, da tamén historiadora Inmaculada Real López.
Eugenio Granell. Regreso de un surrealista exiliado é un ensaio froito dun traballo rigoroso, profundamente documentado. Ilustrado con máis de 80 fotografías e reproducións das obras máis significativas deste período de Granell, aborda o seu regreso do exilio a un país que tardaría moito en recoñecer a súa vida e obra.
Vencellado ao surrealismo desde os seus comezos pictóricos no exilio, o nome de Eugenio F. Granell forma hoxe parte da historia da arte española do século XX, e a súa obra está representada nas mellores coleccións artísticas do país. Pero esta realidade contrasta co enorme descoñecemento que o artista sufriu, durante décadas, na súa propia terra. A pesar dos premios e recoñecementos que -nos anos 50 e 60 do século pasado- recibiu no estranxeiro, a existencia de Eugenio Granell en España pasou desapercibida mesmo despois do seu regreso en 1985.
Este libro de Violeta González Forte céntrase precisamente nas circunstancias e vicisitudes vitais deste regreso do exilio. Recolle cartas cheas de desacougo, nas que o artista reflicte grandes dúbidas e amargura, xa que o retorno implicaba soportar un país cuxa ditadura parecía interminable.
O libro recolle tamén eses firmes apoios que, desde finais do franquismo, comezaron a reivindicar a súa figura. Primeiro foi Isaac Díaz Pardo e, xa nos oitenta, César A. Molina, entre outros. Un esforzo que culminou en 1995 co nacemento da Fundación Eugenio Granell en Compostela, cidade onde vivira durante a súa infancia e mocidade.
Violeta González Forte (A Coruña, 1982) é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista na obra de Eugenio Granell, sobre quen presentou a súa tese en 2015. Impartiu docencia na universidade e realizou unha estadía de investigación na Universidade de Puerto Rico (2011) co fin de estudar a actividade desenvolta alí por Granell.
As cartas inéditas de Granell e Vicente Llorens: catro décadas de amizade e exilio
Un diálogo entre supervivientes: Eugenio Granell y Vicente Llorens reúne máis de cen cartas inéditas intercambiadas entre Granell e o historiador valenciano Vicente Llorens (Valencia, 1906-Cofrentes, 1979) durante as súas máis de catro décadas de amizade, desde o seu encontro no exilio da República Dominicana nos anos 40 do pasado século. Estas cartas foron localizadas e estudadas pola historiadora da Universidade de Zaragoza Inmaculada Real.
A Granell gustáballe charlar por escrito, en cartas extensas e mecanografadas que lle axudaban a evadirse do desterro e a combater a soidade. Resulta sorprendente o feito de que ata o de agora pasase tan desapercibida a relación que houbo entre o escritor valenciano -recoñecido como o mellor historiador dos exilios culturais- e o pintor galego -considerado como o último surrealista español-. Con todo, a correspondencia que aquí se recompila transcrita e documentada infórmanos do valor deste testemuño directo, con cartas que abren un interesantísimo espazo de reflexión sobre as súas respectivas diásporas.
A transcrición das cartas está precedida por un detido estudo introdutorio onde a autora analiza as pontes culturais entre os desterrados e a España franquista, a ardua vida do exiliado -especialmente os problemas económicos e a vida nómade de Granell-, as bibliotecas perdidas pola Guerra Civil e o empeño dos nosos protagonistas por volvelas a reconstruír e, finalmente, a crónica do retorno, con grandes dúbidas, temores e enormes interrogantes sobre que se atoparían en España.
Inmaculada Real López (Toledo, 1984) é investigadora postdoutoral na Universidade de Zaragoza e membro do Instituto Universitario de Investigación en Patrimonio e Humanidades. Foi profesora e investigadora na Université de Rouen-Normandie e comisaria de exposicións en España e Francia. Tamén colaborou en institucións como o Musée National Picasso-Paris. Autora de varios libros, a súa principal liña de investigación é El retorno artístico del patrimonio del exilio, tema da súa tese doutoral publicada en 2016. Publicou ademais, entre outros, El Museo Gallego de Arte Contemporáneo Carlos Maside (2018).