Destinaranse 600.000 € á instalación dunha cuberta telescópica na piscina do Multiusos do Sar

venres, 18 Decembro, 2020

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ámbalas xuntanzas -que tiveron lugar de xeito semipresencial- estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén participaron, entre outros, os dous vicepresidentes do organismo: a subsecretaria do Ministerio de Facenda, Pilar Paneque, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. De cara ao cumprimento das esixencias da lexislación vixente, no transcurso das reunións aprobouse un plan estratéxico de actuacións 2021-2023, un plan de obxectivos para o ano 2021, un plan cuatrienal de investimentos 2019-2022 e un plan estratéxico de subvencións para o período 2021-2023.

 

Mantéñense as aportacións das Administracións consorciadas, con 4.555.392,50 € da Administración Xeral do Estado, 2.784.413 € da Xunta de Galicia e 1.393.264,44 € do Concello de Santiago. Ao programa de rehabilitación, mantemento, recuperación e rehabilitación urbanas vanse destinar 1.163.221,95 €; ao programa de dinamización cultural e turística 5.800.104,58 €; ao programa de información, estudo, interpretación e divulgación da cidade 477.412,75 €; e ao programa de administración, dirección xeral e mantemento e conservación do patrimonio propio 1.709.465,47 €.

 

Ademais, no apartado de mantemento de inmobles propios, instalarase unha cuberta telescópica na piscina do Multiusos Fontes do Sar, edificio propiedade do Consorcio. A cantidade global desta actuación ascenderá aos 600.000 euros.

 

Por outro lado, o investimento no tecido residencial será de 410.000 €, o que representa un incremento do 36% con respecto ao destinado este ano. Inclúe o programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios de titularidade privada da cidade histórica, xunto á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas.

 

O Pazo de Raxoi

 

Dentro das intervencións en monumentos da cidade, destacan as obras no Pazo de Raxoi, catalogado co Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. A súa cuberta atópase nun deficitario estado de conservación, tal como se recolle no Plan Director do edificio, polo que urxe proceder á súa substitución. A cuberta do corpo central, situada sobre a sala de delineación, presenta unha gran cantidade de tellas rotas e desprendidas. As cubertas que se corresponden co salón de actos do Consello da Cultura Galega e a da zona leste do arquivo municipal tamén amosan danos importantes. En consecuencia, prodúcense filtracións da auga da choiva ao interior do inmoble. O presuposto desta actuación ascende aos 941.048,41 €.

 

Palacio de Congresos

 

O Consorcio de Santiago vai substituír tamén a cuberta do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, propiedade do organismo interadministrativo, por un importe global de 1.623.090 €. Con esta intervención búscase solventar as continuas e abundantes filtracións da auga da choiva en numerosos puntos do edificio.

 

Mantemento de lousados

 

No marco do programa “A pedra que pisas”, o Consorcio de Santiago vai destinar o vindeiro ano un total de 118.059,70 € á conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica.

 

Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica

 

O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica inclúe a coedición de publicacións vencelladas á cidade, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas. Continuarase ademais co escaneado e volcado na páxina web do Consorcio das publicacións esgotadas para a consulta tanto por parte de estudosos como de particulares. E iniciarase o inventario e catalogación do fondo fotográfico de Xenaro Martínez Castro.

 

Programa de Dinamización Cultural e Turística

 

O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais, o Consorcio colabora con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como os fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, iniciativas do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago, Música en Compostela ou a colaboración coa Fundación Granell.