O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia coeditan Castelao. Construtor da nación, a biografía máis completa que existe ata o momento do intelectual galeguista, unha obra do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane que consta de tres tomos. O primeiro volume, que abrangue de 1886 a 1930, presentouse en 2019. Agora preséntanse os outros dous (de 1931 a 1939 e de 1940 a 1950).
Nesta ampla biografía, que suma un total de 3.919 páxinas, recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”. Trátase dunha biografía monumental concibida por Miguel Anxo Seixas como un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, os libros ilústranse con fotografías que mostran diferentes momentos da traxectoria de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.
Este conxunto de publicacións é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao. O autor plasma, de xeito moi pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de Castelao e analiza todo o que se escribiu sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”. Nesta liña, cómpre ter en conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata 1984.
O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida” -indica-.
Unha obra repartida por diferentes puntos de Galicia, España, Lisboa e América
Castelao nace en 1886 e morre en xaneiro de 1950, de xeito que viviu unha parte relevante da historia de Galicia, como “un dos construtores da nación, unha testemuña privilexiada e un actor”. Tal como resalta o historiador, “achegounos o pobo en imaxes e en letras; os seus debuxos son o maior repertorio gráfico para ilustrar a nosa historia contemporánea. Foi protagonista político para que Galicia conseguise o Estatuto de Autonomía. E co tempo foi escollido polo pobo como un dos símbolos de Galicia”.
“El creou unha poderosa imaxe de Galicia, unha imaxe que nos doou e que sobreviviu, e que cómpre analizar con rigorosidade. Pero a nós interésanos Castelao na súa integridade e na complexidade das súas relacións” -salienta o autor-. Seixas explica que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.
Ademais, o autor entrevistou a persoas que coñeceron ao rianxeiro ou a súa obra como Lois Tobío, Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Perfecto López Romero, Iris Canabal, Nelly Crestar…
No primeiro volume, que ía de 1886 a 1930, recollíanse as orixes da súa familia, o seu nacemento, a realización do Bacharelato en Compostela, os seus estudos de Medicina, os seus primeiros encontros coa pintura, a escritura e a ilustración, a súa vida política, as viaxes ou a morte do seu fillo, entre outras vivencias. O segundo volume (1931-1939) céntrase nos anos da Segunda República e a Guerra Civil, debullando a súa intensa vida política á fronte do Partido Galeguista. O terceiro tomo relata a súa historia desde 1940, o seu exilio en Arxentina, o seu labor político e cultural, o remate de Sempre en Galiza… ata o seu falecemento en 1950.
Investigador da figura de Castelao
Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. É padroeiro da Fundación Castelao dende 1984 e na actualidade é ademais o seu presidente. A finais de 1999 foi escollido pola Fundación Caixa Galicia como comisario para facer unha exposición sobre Castelao en 2000. Entre novembro de 2008 e novembro de 2009 dirixiu a catalogación da súa obra artística. Foi comisario da exposición Castelao maxistral na Cidade da Cultura. Ten publicados varios libros sobre o rianxeiro como Castelao, pintor (2006) ou a obra colectiva Para ler a Castelao I e II (2000).