O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva. A xuntanza, que tivo lugar de xeito semipresencial, estivo presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. No transcurso da reunión abordáronse varios asuntos de trámite administrativo, vencellados coas obras que están en proceso de execución, como é a cuberta do Pazo de Raxoi, a cuberta do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, xunto á cuberta telescópica das piscinas do Multiusos Fontes do Sar. Ademais, deuse conta do estado de avance da Administración dixital.
Durante a xuntanza autorizouse o inicio das contratacións do director titular da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, e do seu director asociado, Maximino Zumalave, durante o ano 2022. E aprobouse a programación da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) para o curso 2021-2022, cuxa xestión é responsabilidade do Consorcio de Santiago.
Real Filharmonía de Galicia
A Comisión Executiva aprobou ademais a programación de verán da Real Filharmonía de Galicia, xestionada tamén polo Consorcio da Cidade. Ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto celebraranse oito concertos en Santiago, noutros puntos de Galicia e mesmo fóra da comunidade. Nesta liña, a orquestra participará no Festival Internacional de Santander o 12 de agosto xunto ao trompetista venezolano Pacho Flores e o mestre Paul Daniel, no Palacio de Festivales de Cantabria.
Outra das grandes citas musicais deste verán será o concerto conmemorativo do 25º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, que terá lugar na Praza da Quintana o 29 de xullo. Será unha gala lírica para a que se contará coas voces do tenor Pene Pati e da soprano Amina Edris. E, en colaboración co Xacobeo 2021-2022, realizarase un concerto na Praza do Obradoiro en xullo, no marco das festas do Apóstolo.
O día 6 de agosto a orquestra desprazarase á localidade ourensá de Celanova, onde participará no Festival Hércules Brass, co mestre Maximino Zumalave á batuta. O concerto terá lugar no Mosteiro de San Salvador.