Comezan os traballos para a instalación dunha pasarela de unión no conxunto de San Domingos de Bonaval

mércores, 5 Febreiro, 2025

O Consorcio de Santiago iniciou nos últimos días os traballos para a execución dunha pasarela de unión entre a ala sur e o corpo principal do conxunto de San Domingos de Bonaval, un proxecto que ten como obxectivo facilitar a circulación entre as áreas expositivas do Museo do Pobo Galego.

 

Na intervención se colocarán dous elementos, unha pasarela sobre a escaleira do claustro e un tímpano de sectorización de incendios que segregue a ala sur en caso de necesidade, cunha resistencia mínima ao lume de 30 minutos. Ademais, serve tamén para manter a autonomía orixinal da ala sur e permitir unha mellor regularización das condicións climáticas en relación ao corpo principal do convento.

 

O material para a execución do proxecto foi introducido a través dunha das ventás da ala sur do conxunto, que foi desmontada e montada de novo no mesmo día. Nos próximos días procederase á colocación da pasarela e o tímpano de sectorización de incendios.

 

O proxecto foi redactado polos arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago e é levado a cabo pola empresa TRAGSA (Empresa de Transformación Agraria, S.A.), que foi a que recibiu a encarga tras quedar deserto o concurso en dúas ocasións, por un importe total de 130.436,26 €.


Esta actuación completa á realizada no ano 2020 polo Consorcio de Santiago para a adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para a ampliación do Museo do Pobo Galego.