O Consorcio de Santiago vai realizar obras de mantemento na capela de Santas Mariñas do Sar, por un importe global de 52.959,28 euros. A empresa adxudicataria desta intervención, que se prevé que estea rematada nun período de tres meses, é JSTOP Obras y Servicios, S.L.
O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Pablo Tomé. Explica que a actuación encamíñase á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros.
O arquitecto indica que “a capela mantense, en xeral, en bo estado, agás a parte caída do tellado na cornixa da fachada norte. Ademais, o inmoble presenta pequenas alteracións na súa envolvente”. Así, o contorno do óculo que hai na parte central da fachada amosa unha importante mancha de humidade producida pola mala evacuación da auga da espadana e da ventá oval. As partes baixas dos muros das fachadas teñen tamén manchas de humidade, como consecuencia do mal estado da drenaxe e do salpiqueo da auga da chuvia. As fachadas necesitan renovar a pintura e o muro de contención á rúa ten un revestimento de madeira que precisa dunha limpeza e restauración.
As intervencións propostas
O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións previstas, vaise levar a cabo a limpeza e restauración das partes de pedra das catro fachadas e da espadana, xunto á renovación da pintura. Tamén se pintarán as carpinterías exteriores de madeira.
Vaise revisar o tellado, percorrendo a cuberta e reparando, ao mesmo tempo, as partes en mal estado. Prevese a colocación dunha gárgola para favorecer a evacuación da auga da chuvia no encontro entre a fachada sur e a sancristía. Así mesmo, impermeabilizaranse tanto a base da espadana como a parte inferior do óculo da fachada principal.
Por outro lado, renovarase a drenaxe xa tupida. Ademais, modificarase a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. Vaise restaurar o revestimento de madeira do muro á rúa e limparase o muro da fonte.