Comeza unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación

CEGOR
xoves, 19 Maio, 2022

A Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago comezan mañá, 20 de maio, unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR).


A formación impartirase os venres pola tarde e os sábados pola mañá nas instalacións rehabilitadas da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, transformadas hoxe no Centro de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación en Santiago de Compostela (Rúa da Pontepedriña de Arriba, 13), un Centro pioneiro en España con ese obxectivo e destinado, de forma específica, á formación especializada e reciclaxe de traballadores, técnicos e empresas da construción cara á rehabilitación e restauración de edificios e vivendas.


O Consorcio de Santiago subvenciona a matrícula e aínda quedan prazas dispoñibles para que calquera profesional, técnico ou xefe de obra interesado poida inscribirse neste curso, co obxectivo de especializarse ou actualizar os seus coñecementos.


O curso, no que ademais das clases teóricas, os alumnos terán a oportunidade de participar en talleres prácticos de diferentes técnicas e oficios da rehabilitación impartidos por recoñecidos artesáns, foi desenvolvido para paliar a falta de formación nesta área, ante a cada ano máis intensa demanda de profesionais especializados para facer fronte, non só ás necesidades de renovación propias das cidades históricas, senón tamén á extraordinaria programación de obras de rehabilitación que están a impulsar en calquera ámbito os fondos de recuperación e resiliencia.


Xestión integral dunha obra de rehabilitación
Coordinado nos seus contidos polo arquitecto Ángel Panero Pardo, o CEGOR pretende abordar panoramicamente, con formulacións de sustentabilidade, eficiencia enerxética e respecto patrimonial, as particularidades de calquera obra de rehabilitación, non só cando se intervén en edificios catalogados ou monumentais.
Os alumnos do curso coñecerán as claves da xestión dunha obra de rehabilitación, grazas a un completo panel de máis de 30 expertos que compartirán con eles a súa experiencia e achegaranlles o día a día da súa profesión desde unha perspectiva eminentemente práctica.


A formación estrutúrase en catro módulos: 'Xestión administrativa', 'Xestión económica', 'Materiais e técnicas' e 'Instalacións e eficiencia enerxética'. Os alumnos, por exemplo, poderán coñecer desde aspectos específicos da xestión administrativa e legal das obras en edificios con algún grao de protección, ata profundar na comprensión da mecánica dos edificios construídos con técnicas tradicionais, participar en obradoiros de estuco ou forxa, ou investigar e desenvolver fórmulas innovadoras de coordinación cos procedementos, medios e sistemas da construción contemporánea.


Continúa aberta a Aula virtual
Como en anteriores edicións e para facilitar a asistencia de alumnos aos que lles sexa imposible trasladarse sistematicamente ao Centro de Formación de Santiago, a parte presencial da acción formativa poderá realizarse tamén a través da “Aula virtual” da Fundación Laboral.