Clausúranse as exposicións da Casa do Cabido e da Fundación Granell

venres, 27 Setembro, 2019

No marco do proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado ao Xacobeo 2021, están en marcha dúas exposicións que poderán visitarse ata este fin de semana (28 e 29 de setembro).

 

Por un lado, na Casa do Cabido exhíbese ata este domingo (29 de setembro) a mostra “A paisaxe e a súa pegada I”, a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrancará en outubro. Amosa a visión que catro fotógrafos teñen da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.

 

Nas súas intervencións estes catro fotógrafos non se deteñen unicamente na parte máis descritiva do territorio, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible, imaxinando escenarios máxicos que vulneran as leis da propia realidade. Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía e poesía fúndense nunha aventura común. Así, os versos de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar ispen a vida deses momentos vitais que están máis aló da cámara.

 

O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

 

Fundación Granell

 

Pola súa parte, a Fundación Granell acolle a exposición “Figurando lembranzas”, que suxire algúns dos xeitos de enfrontarse á obra de arte por parte de artistas galegos alén do mar e poderá visitarse ata o sábado 28. Exhíbense 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell.

 

A Fundación Granell abre os martes, mércores e xoves de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; os venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos, luns e festivos está pechada ao público.