
A Casa do Cabido converterase este sábado 30 de maio nun singular estudio artístico aberto á cidadanía coa celebración dunha xornada de pintura en directo desde os balcóns do histórico edificio compostelán. A actividade desenvolverase entre as 11:00 e as 14:00 horas no marco da exposición “A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía”, organizada polo Consorcio de Santiago.
As artistas do colectivo LUCET Dolores Mato Gómez, Rosario Puente Vázquez, Melania Gómez Barral e María José Puente Vázquez realizarán as súas creacións en vivo desde os balcóns da Casa do Cabido, nunha proposta pouco habitual que permitirá ao público observar o proceso artístico en diálogo directo coa contorna urbana e patrimonial da praza das Praterías.
A iniciativa forma parte das actividades vinculadas á mostra “A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía”, inaugurada o pasado mes de marzo e visitada xa por preto de 19.000 persoas. A exposición reúne obras do colectivo artístico LUCET e propón unha lectura visual de Santiago de Compostela a través da acuarela, a fotografía, o pastel e o óleo, configurando unha mirada colectiva sobre a cidade desde os seus espazos, a súa memoria e a experiencia cotiá.
A mostra poderá visitarse ata o 21 de xuño na Casa do Cabido, con entrada de balde, en horario de martes a sábado de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h, e domingos de 11:00 h a 14:00 h.