A Casa do Cabido acolle unha mostra do escultor “Francés”, homenaxe á muller e a Xapón

xoves, 12 Xullo, 2018

A Casa do Cabido acolle a exposición Compostelaneando a miña fauna. Muller, Xapón, Cacto…, que reúne pezas en pequeno formato do escultor José Francisco López Noya, máis coñecido como “Francés”.

 

A mostra aglutina un total de 51 esculturas que o escultor “Francés” realizou entre o ano pasado e este ano. A exposición divídese en dúas partes diferenciadas. Por un lado, o artista réndelle homenaxe á muller, a través de pezas nas que critica o machismo da sociedade actual. Así, pode contemplarse dende o detalle dunha geisha ata un burka…, esculturas que “pretenden poñer á muller no valor cultural que se merece”.

 

Outra parte da exposición céntrase en Xapón, a través de diferentes motivos da cultura nipona. “Amoso o meu punto de vista escultórico. Trátase dun país e dunha cultura moi significativa para min, á que aprecio moito. En Xapón hai persoas importantes na miña vida e a miña obra tamén ten alí un oco” -indica o artista-.

 

O cacto como elemento recurrente na obra do escultor

 

Ademais, nesta mostra tamén están presentes diferentes elementos vexetais, en particular o cacto como elemento recurrente na obra deste escultor. “Do mundo natural extraio moitas ideas para facer o meu minimal. E, dentro deste universo natural, o cacto é unha forma escultórica relevante para min, ao tempo que se trata dun vexetal moi esquecido” -sinala Francés-.

 

As diferentes pezas desta mostra están feitas con aceiro inoxidable, ferro, aceiro corten, lousa verde e lousa negra, ademais do emprego da madeira, sobre todo de castiñeiro. Todos estes materiais son autóctonos de Galicia, procedentes en concreto da zona de Valdeorras e do concello lucense de Pol. Así mesmo, o autor utiliza con frecuencia madeira e ferro reciclados para a realización dos seus traballos.

 

Respecto ao título da exposición, Compostelaneando a miña fauna, o artista explica: “A miña intención é amosar aos cidadáns de Santiago e tamén aos visitantes cal é a miña fauna, ao tempo que lle fago un guiño ao ex-alcalde e amigo Xerardo Estévez, quen acuñou o termo compostelanear”.

 

Un artista que busca a esencia do que o rodea

 

José Francisco López Noya, “Francés”, de pais galegos, naceu en París en 1965 pero vive en Galicia dende os oito anos, no concello coruñés de Oroso. Iniciouse na pintura dende moi pequeno e aos 21 anos comezou os seus estudos na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago, centrando a súa traxectoria profesional na escultura.

 

Destaca a súa facilidade para ir á esencia, ao máis simple. Así, considera que “para construír obxectos cómpre erradicar o adorno, o superfluo, para quedarse no esquema, no necesario, no urxente e indispensable”. A súa obra provoca unha dobre reacción no espectador: a emoción vencellada á reflexión. É un artista comprometido co seu tempo. As súas obras conxugan tradición e vixencia. Combina a madeira co ferro, a lousa co aceiro…, cobrando tanto protagonismo os materiais como a forma.

 

As obras que se poden contemplar nesta exposición teñen á representación do home como eixe central. Pero o artista, lonxe de ofrecer un catálogo pormenorizado de rasgos e caracteres da figura humana, propón unha representación esquemática da mesma, onde non sobra nin falta nada, reducindo ao ser humano sinxelamente ao que importa, a súa esencia. Un ser humano que non está só, senón que se presenta en parella ou en grupo.

 

A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata mediados de setembro

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de setembro. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.