A Casa do Cabido acolle a exposición 'Compostela 0.0' con imaxes de Santiago realizadas por Mónica Montero durante o confinamento de 2020

martes, 28 Xuño, 2022

A Casa do Cabido acolle desde esta semana a exposición 'Compostela 0.0' no que se amosan fotografías tiradas en Santiago durante o confinamento de marzo e abril de 2020 pola fotógrafa afeccionada Mónica Montero.

 

Ao acto de inauguración da mostra acudiu na tarde deste martes o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, así como a xerente do Consorcio, Belén Hernández, a propia fotógrafa Mónica Montero, quen é tamén a comisaria da exposición, María Seijas, escritora dos textos, e representantes dos distintos grupos municipais.

 

"Durante o tempo de illamento a causa da pandemia da Covid-19 fotografei desde unha perspectiva nova a nosa cidade, desoladora e ao mesmo tempo espléndida. Onde a axitación e o alboroto das rúas deron paso á soidade e a calma", comenta a fotógrafa autora da exposición. "É nestas condicións onde a cidade, a súa fisionomía, antigüidade, arquitectura e incluso xentes aportaron ese enfoque novo que buscaba con anterioridade a esta pandemia", engade Mónica Montero.

 

Ademais, a autora explica por que o nome de 'Compostela 0.0' para esta exposición. "É un punto de inicio, un punto de partida. Pódese describir de diferentes maneiras, pero considero que este período que nos tocou vivir foi un punto de inflexión entre o onte e o mañá".

 

Montero non dubidou en coller a cámara do seu móbil no momento en que se decretou o Estado de Alarma e tivo a oportunidade de saír á rúa. "Chegara o momento. Podía captar Santiago baleira, silenciosa, sen o boureo habitual das rúas. Non podía deixar a oportunidade. Fotografei, editei, fixen varias montaxes, incluso as encadernei en formato libro. Tíñao claro, debía darlle visibilidade ao meu traballo, quería compartilo, eran os testemuñas imborrables da pandemia", conclúe.

 

Sobre a autora
Mónica Montero López (San Sebastián, 1978) é filla de emigrantes en Guipúscoa de Santiago de Taboada (Silleda) e Villestro (Santiago) que regresou a Compostela pola morriña que lle profesaba súa nai.

 

Desde a infancia sempre tivo unha cámara na man, e aínda que a súa formación se encamiñou cara a rama administrativa, desde 2017 dedícase a fotografar Santiago desde o seu punto de vista que se centra en "pequenos e grandes recunchos que nos rodean".

 

Conta ademais cunha páxina web (rinconesdecompostela.com) co fin de dar visibilidade ás imaxes e compartir a realidade de Santiago desde a súa perspectiva fotográfica. O seu traballo tamén se recolle na web monicamontero.es e na conta de Instagram @trasdovalo.

 

Aberta ao público
A exposición estará aberta ao público de maneira gratuíta durante os vindeiros meses ata mediados de outubro en horario de 10h a 14h e 17h a 21h de martes a sábado e de 11h a 14h os domingos.