A Casa do Cabido abre de novo as súas portas

mércores, 17 Febreiro, 2021

A Casa do Cabido, situada na compostelá Praza das Praterías, permaneceu pechada durante tres semanas debido ás restricións sanitarias provocadas pola pandemia. Agora abre de novo as súas portas, mantendo as medidas de seguridade e a limitación do aforo. Pode visitarse no seu horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.

 

Nestes intres a Casa do Cabido acolle a exposición ”Dobre Quadratura”, con instalacións dos artistas galegos Lois Patiño e Jorge Perianes, unha mostra comisariada por Mercedes Rozas. Por un lado, Lois Patiño xoga co silencio da noite. Unha das súas videoinstalacións lévanos a unha paisaxe mariña nocturna, ante un mar evocador como é o da Costa da Morte. A outra videoinstalación nace dunha estancia que o artista realizou na cidade de Tokio en 2019 e amosa a megalópole no silencio da noite.

 

Pola súa parte, Jorge Perianes bota man dos espellos para enxalzar o periplo eterno do ser humano. Buscando o contacto no reflexo, o autor toma a decisión de que as salas funcionen como un espello en canto á estrutura que presentan, colocando sobre un falso chan distintas pezas, cadros e plantas. O espectador deberá transitar polo espazo para velas, e moverase ata onde a estrutura llo permita. As creacións terán así unha proximidade aparente, estarán case ao alcance da man.