Aprobado o proxecto de mellora enerxética da fachada nobre do Pazo de Raxoi

Consello de Administración do Consorcio de Santiago
venres, 22 Abril, 2022

O Consorcio de Santiago celebrou este venres de forma semipresencial a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ambas as xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo e na do Consello de Administración contou coa subsecretaria do Ministerio de Facenda e Función Pública, Pilar Paneque, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Na reunión da Comisión Executiva contouse coa participación do Inspector Xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, Ángel Esteban Paúl, e o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, ademais dos voceiros de todos os grupos municipais.

 

Na reunión foron aprobados, entre outros asuntos de trámite, o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da fachada nobre do Pazo de Raxoi, a pasarela interior que unirá a dous corpos o conxunto de San Domingos de Bonaval ou a obra de acondicionamento da contorna da Colexiata de Sar.

 

Fachada do Pazo de Raxoi
Un dos asuntos centrais do Consello de Administración tratou da aprobación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da fachada nobre do Pazo de Raxoi que completará a rehabilitación do edificio tras as obras de substitución das cubertas que se están levando a cabo nestes momentos ademais das outras fachadas e o patio interior que xa se realizaron. Este edificio está catalogado co Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago. Este proxecto contará cun presuposto de 631.308,63€, IVE incluído.

 

Pasarela en San Domingos
No Conxunto de San Domingos de Bonaval realizarase unha pasarela do conxunto monástico de San Domingos de Bonaval que recuperará a funcionalidade e mellorará a comunicación entre o Claustro e a súa á sur.

 

Na intervención propóñense a colocación dunha pasarela sobre escaleira do claustro, no lugar que ocupou un forxado de madeira, e por outro, un tímpano de sectorización de incendios que segregue a á sur en caso de necesidade, que tamén permitirá unha mellor regulación das condicións climáticas e ambientais en relación ao corpo principal do convento. O orzamento estimado para esta intervención é de 86.477,56€, IVE incluído, e contará coa colaboración da empresa FINSA.

 

Acondicionamento da contorna da Colexiata
Outro dos asuntos aprobados na Comisión Executiva foi a intervención sobre o muro de cachotaría catalogado que delimita a parcela da Colexiata de Sar, colonizado pola vexetación, así como sobre o pavimento dos lousados da explanada, puntualmente deteriorado polo tráfico de vehículos. Esta intervención contará cun orzamento estimado de 54.097,29€, IVE incluído.

 

Programa ConCiencia
Tamén foi aprobada no Consello de Administración a concesión do Consorcio da axuda directa ao programa ConCiencia de divulgación científica da Universidade de Santiago para o ano 2022 por un importe de 25.000€.

 

Outros asuntos
Entre os asuntos de trámite deuse conta da execución do Plan Estratéxico de Subvencións e tratáronse outros plans, así como tamén foi aprobada a modificación do Plan de inversións para dar cabida ás novas execucións.