A obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, dirixida polo Consorcio de Santiago, xa leva varios meses en marcha. Nestes intres estase a avanzar nas sondaxes para a instalación da xeotermia, nunha importante aposta pola sostibilidade.
Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que “en Santiago hai moi poucos edificios que obteñan a enerxía de acondicionamiento térmico da xeotermia e ningún é patrimonial. Trátase de aproveitar a enerxía que proporciona a terra para producir calor e/ou frío de xeito sostible, o que a converte nunha das formas de enerxía renovable máis eficiente”.
Os expertos destacan que “esta medida suporá unha notable diminución do consumo anual de enerxía no edificio, evitando ademais a emisión á atmosfera de gases contaminantes de efecto invernadoiro. A enerxía xeotérmica non devolve á atmosfera o CO2 acumulado durante séculos, como si ocorre coa biomasa ou, de xeito moi marcado, cos derivados do petróleo”. Nesta liña, lembran que Galicia ten apostado pola xeotermia cunha regulación “pioneira” en España.
Os arquitectos indican que “o xardín do conxunto monumental está feito sobre un gran recheo artificial que alcanza, nalgúns puntos, os 1,80 metros”. Explican que se fixeron sondaxes arqueolóxicas nas que se pode apreciar que os recheos corresponden a épocas modernas, pola mestura de materiais. “Por todo isto, é sinxelo empregar esta área para conectar as canalizacións do fluído procedente das sondas de xeotermia” -apuntan-. Por outro lado, no xardín protexeuse a pía de granito, así como a vexetación existente, en especial a araucaria.
Os primeiros achados
Os responsables do proxecto sinalan que os traballos de demolición avanzan con coidado e xa están a deixar ao descuberto restos como os da capela neogótica do antigo hospicio, de arredor de 1898. Decidiuse protexer a pía de auga bendita aparecida entre os tabiques de cartón-xeso.
Por outro lado, identificouse un armario de madeira de castiñeiro correspondente tamén ao período de transformación do edificio en hospicio. Vaise desmontar para almacenalo nun lugar seguro, de xeito que estea protexido durante as obras, para devolvelo ao edificio unha vez rematada a intervención.
Os arquitectos aseguran que “non parece haber humidades de filtración da ladeira de Bonaval neste edificio da ala sur”. E indican que se está a realizar o estudo da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, previo aos traballos de limpeza e restauración da mesma, que inclúe as carpinterías e reixas históricas.
Estase a reconstruír o edificio en 3D
Ademais, estase a levar a cabo un levantamento do edificio con tecnoloxía 3D: escáner láser, matterport e fotogrametría. “A intención é dobre: por un lado, utilizar o levantamento para os traballos tanto de replanteo de unidades de obra como para realizar a lectura de paramentos, integrando a información para deducir, se é posible, como foi o edificio inicial e as fases de obra polas que pasou ao longo da súa historia; e, por outro lado, ofrecer un percorrido virtual polo interior do edificio para desfrute de estudosos e curiosos” -explican os arquitectos-.