Adxudícase a mellora do sistema de ventilación e limpeza do lousado da capela do Cristo de Conxo

luns, 12 Novembro, 2018

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de mellora do sistema de ventilación e limpeza do lousado da capela do Cristo da igrexa de Santa María de Conxo, co fin de eliminar o seu escurecemento húmido, por un importe global de 67.215,15 euros. A empresa beneficiaria é Construcciones Abal, S.A. Prevese un período de execución de catro meses.

 

Trátase do primeiro procedemento que o organismo interadministrativo completa por licitación electrónica, de acordo coa nova Lei de Contratos do Sector Público, que entrou en vigor en marzo deste ano, en virtude da cal se implanta a contratación vía electrónica en todas as Administracións Públicas en España.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Lourdes Pérez. Explica que “a capela do Cristo do Mosteiro de Santa María de Conxo é unha capela anexa á igrexa de Conxo e, a diferenza desta, ten un gran contido de humidade no ambiente e o seu lousado granítico presenta un escurecemento húmido”. En 2013 o Consorcio promoveu a obra de eliminación de humidades da capela e, co fin de coñecer tanto a orixe do elevado contido de humidade no interior da capela como do escurecemento húmido do solo, contratou a un equipo de arquitectos expertos no estudo de humidades para que realizara un diagnóstico e propuxera recomendacións de actuación.

 

Un equipo de arquitectos da Universidade Politécnica de Madrid realizou en 2015 un seguimento do comportamento do edificio mediante técnicas de monitorización higrotérmica, inspeccións periódicas, ensaios in situ e no laboratorio. As conclusións deste seguimento revelaron que o terreo estaba húmido baixo as lousas, e que esta humidade retense anormalmente, tanto no terreo como na pedra, debido á presenza de sales higroscópicas, en particular nitratos. A contaminación por sales é máis alta na superficie das lousas que na súa parte inferior e fai un dobre efecto: por unha parte, retén a humidade que provén do terreo e, por outra, atrae e condensa o vapor de auga do aire da capela. Estes dous mecanismos impiden o secado do pavimento, que xa de por si é difícil porque non hai condicións favorables do aire exterior.

 

O estudo realizado conclúe que o proceso de contaminación está practicamente detido na actualidade, pois as augas pluviais foron canalizadas co sistema instalado polo Consorcio. E, para resolver o problema da contaminación salina, a única solución é sanear os materiais, é dicir, proceder á súa desalación. Os expertos realizaron probas de desalación in situ empregando varios métodos e concluíron que o máis recomendable neste caso é o da desalación con bacterias.

 

A ventilación da capela

 

Por outro lado, deberá controlarse a ventilación da capela. Nesta liña, o obxectivo principal é lograr a ventilación natural, para o que se instalará un novo sistema de apertura nas ventás. Este sistema de apertura controlarase mediante sondas de temperatura e humidade, colocadas nas fachadas norte e leste da capela e no interior da mesma, e o seu funcionamento será automático. Además, aproveitarase este sistema de xestión técnica da instalación para a monitorización dos datos de temperatura e humidade aportados polas sondas.