A Casa do Cabido acolleu hoxe a inauguración da exposición "Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924", unha homenaxe ao fotógrafo Manuel Chicharro e o seu fillo Luis Chicharro. No acto de apertura estiveron presentes a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Pablo Otero Piñeyro Maseda; e os comisarios da exposición, Carlos Castelao e Rubén Martínez.
Esta exposición foi organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) con motivo dun dobre aniversario, xa que se cumpren 175 e 100 anos, respectivamente, do nacemento e falecemento do ilustre fotógrafo Manuel Chicharro Bisi.
Grazas ao labor dos comisarios da exposición Carlos Castelao e Rubén Martínez, que dixitalizaron en alta calidade mais de duascentas placas fotográficas de vidro seleccionadas do Fondo Chicharro do IEGPS (pertencente ao Fondo Histórico do CSIC), organizouse esta mostra a través de catro eixos nas diferentes salas da Casa do Cabido: Actos e autoridades, Santiago Intra muros, Santiago Extra muros e Máis alá de Santiago.
Esta selección de temáticas e pezas, elixidas grazas a unha pescuda dos comisarios, permite ao visitante mergullarse no percorrido destes ilustres fotógrafos, ao mesmo tempo que se adentra nunhas imaxes que ofrecen tanto elementos de patrimonio desaparecido como detalles históricos nunca vistos.
"Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924" invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido a afondar neste gran legado e a sentirse partícipe desta exposición xa que se xoga coa imaxe por medio dunha imaxinaria lupa ao aumentarse detalles que sen ela pasarían desapercibidos.
A mostra, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.
Comisariado
Os comisarios da exposición, o fotohistoriador Carlos Castelao e o profesor Rubén Martínez, impulsaron esta mostra co obxectivo de incidir na importante revalorización e recuperación deste material vital para a historia da fotografía galega e o patrimonio histórico da cidade de Santiago de Compostela. Tamén participaron como comisarios na anterior exposición da Casa do Cabido, "Ksado. Iconas de Galicia".
A saga dos Chicharro
Co apelido de Chicharro identificamos a unha saga de fotógrafos composteláns que marcaron unha época na cidade. O fundador foi Manuel Chicharro Bisi (1849-1924), que foi o primeiro gran retratista, no solo da xente de Santiago de Compostela, senón tamén das súas rúas. Así foi que editou o primeiro álbum galego de fotografía monumental (Compostela Monumental, 1884).
Manuel dominou a escena santiaguesa desde finais da década de 1870 ata mediados da década de 1910. En Santiago tivo, ao longo da súa carreira, dous estudos abertos: o primeiro no número 34 da rúa Nova (1877 a 1907) e o segundo no 27 da rúa do Vilar (desde 1907). Neste negocio traballaría toda a súa familia, tanto el como a súa muller, Francisca Robelo, e os seus fillos, Consuelo, Elisa, Lola, Manuel, e, quen continuaría a saga, Luis.
Luis Chicharro Robelo (1886-1962) quedou ao fronte do estudio desde 1917. Estivo aberto ata os anos 30, cando pasou a dirixir os talleres de fotogravado de El Correo Gallego, onde se xubilou. Del destacan as imaxes do desenvolvemento dos novos barrios composteláns, especialmente do Ensanche, e a súa mestría coa seguinte xeración de fotogravadores e reporteiros gráficos.