Asinado o convenio que permitirá executar as obras do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías da Cidade Histórica

xoves, 9 Febreiro, 2023

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como presidente do Consorcio; o concelleiro Sindo Guinarte, en representación do Concello; e o presidente de Mercasa, José Ramón Sempere, ratificaron esta mañá o convenio en virtude do cal o Consorcio de Santiago se encargará da redacción do proxecto, execución de obra e dotación do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercancías para a Cidade Histórica cun importe de 4.598.000 euros. A esta cantidade súmanse os preto de 470.000 euros destinados a Uninova para o gabinete técnico. En total, algo máis de 5 millóns de euros para unha iniciativa "fundamental para a conservación da zona histórica", segundo sinalou o rexedor.

 

Sánchez Bugallo manifestou a súa satisfacción pois, "o proxecto da Plataforma Loxística para última milla estaría xa en marcha: tanto no encargo a Uninova, como medio propio, como coa ratificación do convenio a tres bandas para a redacción do proxecto, execución de obra e dotación do centro loxístico". Esta última parte conta cun orzamento de 4.598.000, dos cales 1.178.000 euros son con cargo ao presuposto municipal, mentres que o restante procede de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation).

 

Uninova encargarase do gabinete técnico de xestión integral do proxecto; da asistencia na recomplicación e análise de datos de demanda e necesidades; e do proceso de participación, sensibilización social e difusión. Este encargo conta cun orzamento de 469.542,44 euros, dos que o Concello pon 77.194,24, mentres que o resto proceden de fondos europeos.

 

"Coa posta en marcha deste proxecto, Santiago de Compostela volve ser un exemplo non só de captación de fondos, senón de solidez e eficacia en canto á a súa execución", sinalou Sánchez Bugallo, que conta con que o proxecto estea plenamente operativo ao remate de 2024. Ata entón, sinalou o rexedor, "teñen que pasar varias cousas: a construción e habilitación do centro, que queda asegurado coa sinatura do convenio; completar o PMUS, que está en fase de elaboración; a preparación dunha ordenanza reguladora da distribución na vía pública; e a coordinación de todo isto coas zonas de baixas emisións". "Hai decisións que terá que tomar nova corporación", sinalou.

 

Quixo engadir Sánchez Bugallo que "hai toda unha serie de iniciativas que se viñeron realizando que agora cobran todo o sentido, como por exemplo o proxecto Smartiago". A cidade, puntualizou, "ten a infraestrutura necesaria para garantir o correcto funcionamento da plataforma". Tamén lembrou que está rematando a fase de información ao público do procedemento de expropiación para a ampliación do recinto de Mercagalicia, onde se asentará o centro, en 42.000 metros cadrados máis.

 

Con isto "teremos o reparto de mercadorías que necesitemos e ordenado da forma máis coherente", apuntou e agradeceu a Mercasa que "nos achegue a súa experiencia e coñecemento". Pola súa banda, o presidente da entidade, José Ramón Sempere, agradeceu ao Concello a "valentía e a aposta tan decidida" á hora de poñer en marcha unha iniciativa fundamental para as cidades, en especial as patrimoniais, como Santiago, indicou. "Atopamos o aliado perfecto no alcalde, que apostou por isto", apuntou Sempere que destacou o liderado de Santiago na posta en marcha de inciativas como esta.

 

O convenio

En base a este convenio, o Consorcio encargarase da redacción do proxecto así como a execución das obras e da dotación do centro, recorrendo para iso, mediante a realización dun encargo, con base no artigo 32 LCSP, ao medio propio TRAGSA/TRAGSATEC.

 

Ao Concello correspóndelle achegar a parcela, realizar todas as xestións urbanísticas que resulten necesarias para viabilizar o proxecto e a súa aprobación. Tamén lle corresponde a achega dos fondos. Así mesmo, porá a disposición do Consorcio de Santiago de Santiago todos os recursos técnicos e persoais necesarios para a correcta execución do proxecto, así como os datos obtidos da implantación do Proxecto Smartiago que poidan ser de utilidade.

 

Pola súa banda, Mercasa (Sociedad Mercados Centrales de Abastecimiento SA) comprométese a realizar o estudo e elaboración de documentos que sustenten a futura definición do modelo de xestión, así como a facer un acompañamento e asesoramento técnico en todas as fases da execución deste proxecto, achegando a súa experiencia na distribución de produtos frescos.

 

O Centro Loxístico

Este proxecto, pioneiro na loxística de última milla con especial incidencia na distribución de produtos esencialmente alimentarios, aspira a servir de modelo para outras mercadorías, como paquetería, outros centros históricos e o resto de zonas urbanas e, ademais, contribuirá a reducir as emisións nocivas para o medio ambiente.

 

Entre os seus obxectivos concretos inmediatos cabe destacar: reducir o volume de emisións vinculadas ao transporte de mercadorías, coa restrición a vehículos de cero emisións; racionalizar o acceso á zona histórica, tendendo cara a cero vehículos; reducir o impacto do tráfico de mercadorías no centro histórico en termos de impacto sobre o patrimonio e a vida no casco (liberación de espazo público, redución de accidentes, deterioración do firme e as edificacións, etc.); xeración de sinerxías cos operadores de repartición actuais, optimizando roteiros e incorporando tipoloxía de produtos á repartición centralizada; establecemento dun proxecto de distribución de última milla, esencialmente asociado a produtos alimentarios para o sector HORECA, que poida servir como modelo na distribución alimentaria e sirva para valorar a súa incidencia na cadea de distribución da mesma; actuar como piloto para a progresiva incorporación de modelos centralizados de loxística urbana no resto da cidade, reducindo a presión sobre tráfico e estacionamento, así como as emisións asociadas ao transporte.