O 24, derradeiro día para ver a mostra “Lado, unha saga de ourives composteláns” na Casa do Cabido

luns, 18 Outubro, 2021

A Casa do Cabido acolle desde principios de xuño a exposición “Lado, unha saga de ourives composteláns”, comisariada por Chus Iglesias Prado -ourive- e María Gómez García -licenciada en Belas Artes, restauradora e profesora de xoiaría na Escola Mestre Mateo-. É unha homenaxe ao ourive Julio Lado, derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX.

 

Desde xuño, a mostra recibiu ao redor de 15.850 visitas. O derradeiro día para poder percorrela é este domingo, 24 de outubro. A Casa do Cabido abre de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns está pechada ao público.

 

Julio Lado é a cuarta xeración desta familia numerosa de ourives. A mostra reúne unha selección de pezas realizadas por el ao longo da súa vida, “pezas dun elevado valor porque ninguén cincelaba nin repuxaba como el, é un auténtico mestre” -salientan as comisarias-. Tamén se amosan os debuxos orixinais das obras, o que permite coñecer como foi o proceso de traballo. Ademais, recreouse unha pequena parte dun taller cun tabliz -banco de traballo- con ferramentas tradicionais moi antigas, algunhas delas xa non existen e moitas ideadas pola propia familia. Son pezas realizadas con técnicas centenarias en perigo de desaparición como o cincelado e o repuxado.

 

Julio Lado Martínez nace en Compostela en 1937. É o oitavo de dez irmáns, sete dos cales continúan no taller familiar a saga iniciada polo bisavó na rúa Rapa da Folla. Cando tiña 15 anos morre o seu pai e empeza a traballar no taller, trasladado polo avó ao número 40 da rúa do Vilar, no que se forma co seu irmán Ángel, Premio Nacional de Ourivaría en 1964.

 

O cincelado converteuse no sinal de identidade de Julio e Ángel. Recibían encargos de obxectos relixiosos da Igrexa, que traballaban artesanalmente. En menor medida realizaban pezas de carácter civil, debido a que o público decantábase polas de fábrica, feito que ameazaba a continuidade dos talleres dedicados á ourivaría artesanal da cidade. En 2011, tras case século e medio de traballo, pechan a xoiería e o taller por xubilación, aínda que Julio, con 84 anos, 70 deles dedicados ao oficio, continúa en activo, nunca deixou de crear.