O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de reparación das cubertas do Auditorio de Galicia, por un importe global de 356.950 €. A empresa responsable desta intervención foi Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L.
Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que o obxecto desta actuación era a eliminación das humidades procedentes das cubertas do edificio, xunto á revisión e mellora do sistema de recollida de augas pluviais.
A pesar de que case a totalidade das cubertas orixinais do edificio foron substituídas nos últimos dez anos, os problemas derivados da baixa pendente das cubertas e dos canlóns provocaba goteiras incontrolables nos días de chuvia con vento. Especialmente incisivo era o caso das cubertas correspondentes ao vestíbulo de acceso (zona de venda de billetes), ao distribuidor e ao corredor da sala circular, que presentaban graves problemas de filtración de auga.
Tal como explican os arquitectos do Consorcio, adoptáronse distintas solucións, dando resposta a diferentes problemas. Así, substituíuse a cuberta do vestíbulo de entrada por outra de lámina de cobre, aumentando lixeiramente a pendente e reforzando os engatillados. Tamén se substituíu o anel exterior da cuberta da sala circular, realizando dúas gárgolas con función de aliviadoiro para que a auga escape cara ao exterior e non quede retida nos recunchos difíciles por acumulación de follaxe, como acontecía ata o de agora. Ao mesmo tempo, separáronse os goteróns do perímetro da fronte de remate da fachada para afastar a chuvia do paramento e da galería.
Para solucionar a entrada da auga da chuvia polo canlón do distribuidor, de 70 metros de lonxitude, reforzouse o sistema de recollida usual con outro de tipo sifónico, que ten moita máis capacidade para desaugar. Tamén se alongou o devandito canlón e rematouse o encontro deste coa cuberta para reducir a presión do vento, de xeito que non impulse a auga da chuvia por debaixo da lámina de cobre.
Renovación dos camerinos e da sala circular
Por outro lado, nos diferentes camerinos renováronse as luceras para aumentar a cantidade e calidade de luz natural no interior. Así mesmo, pintáronse tanto os camerinos como os corredores de distribución dos mesmos.
Na sala circular cambiouse o anterior lucernario por outro de vidro, que vai permitir a aireación e evitar condensacións no interior da estancia, ao tempo que se reduce o ruído procedente do exterior e se mellora a acústica da sala.
No caso das galerías da sala circular, que son un elemento compositivo importante no conxunto do inmoble, modificáronse algúns elementos. Colocáronse aireadores para evitar as condensacións nos corredores e demais espazos que cerran. Elimináronse os falsos teitos en mal estado e colocáronse outros novos do mesmo tipo. Ademais, renovouse o pavimento do anel exterior.