O Consorcio de Santiago e a USC presentan un libro que pon en valor o teatro universitario compostelán no tardofranquismo

Presentación Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967)
martes, 24 Febreiro, 2026

O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron este martes 24 de febreiro no Museo do Pobo Galego a publicación “Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967)”, obra de Ezequiel Méndez Vidal.

 

Asistiron á presentación Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Concepción Losada Vázquez, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde Roa, respectivamente. Ademais, o historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez leu un escrito feito polo autor para a ocasión. Asistiron tamén ao acto o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez.

 

A volume “Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967)” contén as detalladas memorias do intenso labor de interpretación e dirección teatral desenvolvido polo autor Ezequiel Méndez Vidal no ámbito universitario compostelán durante os difíciles tempos do tardofranquismo, cando calquera actividade de dinamización cultural, fóra dos estreitos límites que a ditadura impoñía, era mirada con desconfianza, cando non coa certeza de que agochaba actividades “subversivas”.

 

A intención da obra é lembrar, render homenaxe e poñer en valor para as xeracións actuais o compromiso, valente e xeneroso, dunha xeración de homes e mulleres que, talvez sen eles sabéreno, estaban construíndo o futuro. A publicación rememora momentos de gran valor histórico como a estrea en Galicia da obra de Castelao “Os vellos non deben namorarse”, na compostelá Praza da Quintana o 25 de xullo de 1961, na que o autor participou interpretando o papel do boticario Saturio.

 

Un retrato do dinamismo cultural compostelán

 

A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, salientou que a publicación permite coñecer o dinamismo cultural do Santiago universitario do tardofranquismo a través da traxectoria do autor e recuperar un período no que a actividade cultural e o compromiso cívico se desenvolveron nun contexto de limitacións políticas, con iniciativas comprometidas como o teatro universitario, o Cine Club Universitario e o proxecto audiovisual Equipo 64.

 

Así mesmo, destacou que a obra documenta a presenza de figuras da vida cultural compostelá como Benito Varela Jácome, Avelino Abuín de Tembra ou Pilar Pereira, Filla Predilecta de Santiago de Compostela, ao igual que o autor, e rememora fitos como a representación de “Os vellos non deben namorarse” na Praza da Quintana en 1961 e a vinculación do autor co xornalismo e a crítica cinematográfica.

 

Ezequiel Méndez Vidal

 

Licenciado en Filosofía e Letras (rama de Historia) pola Universidade de Santiago, nos seus anos de estudante desenvolveu un intenso labor teatral, do que dá conta este libro. Simultaneamente, en 1961 fundou, organizou e dirixiu o Cine Club Universitario e comezou unha longa carreira como crítico de cine na prensa local (La Noche e El Correo Gallego, xornais dirixidos daquela por Raimundo García Domínguez, Borobó). Xunto co profesor Gonzalo Anaya e Enrique Banet, creou a produtora Equipo 64, para realizar documentais sobre Compostela e Galicia. En 1967, montou unha empresa de distribución de libros con case cincuenta editoriais (Alianza, Ciencia Nueva, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Tecnos, Península, Cuadernos para el Diálogo, Ariel, Akal…), que aínda existe hoxe en día, con nome diferente e con outras editoriais. Entre 1974 e 2003 a súa traxectoria profesional estivo intimamente ligada a postos de máxima responsabilidade no sector editorial: director xerente do Fondo de Cultura Económica (Madrid); director de Márketing de Alianza Editorial; director de Promoción e Márketing do diario El País; director de Publicacións, Cultura e Relacións Externas do Instituto Cervantes; director da editorial Electa (Random House Mondadori). Dende 2007 goza da súa xubilación en Madrid. En 2024 foi nomeado Fillo Predilecto polo Concello de Santiago de Compostela.