O Consorcio de Santiago lanza unha nova convocatoria do programa 'TERÉMANTER' cun orzamento de 800.000 euros para a rehabilitación e mantemento de inmobles da Cidade Histórica

martes, 16 Xaneiro, 2024

O Consorcio de Santiago ven de lanzar una nova convocatoria do programa de "TERÉMANTER" de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior das vivendas da Cidade Histórica compostelá, que nesta edición contará cun orzamento de 800.000 euros.

 

Desde a posta en marcha deste programa de axudas no ano 2006, o Consorcio puxo a disposición dos veciños máis de 3.240.000 euros para estas accións de mellora dos inmobles da cidade histórica. Durante o 2023 concedéronse subvencións a un total de 79 inmobles, tanto para a súa rehabilitación como mantemento. 

 

Estas subvencións abranguen a restauración ou reposición dos elementos especiais de madeira de interese arquitectónico (galerías, ventás e portas de entradas aos edificios), a restauración de reixas, así como as obras complementarias necesarias como a reparación de pedras de soporte deterioradas, por exemplo, xambas ou repisas. 

 

Esta convocatoria tamén cubre o mantemento de elementos da envolvente exterior, tales como fachadas exteriores ou patios interiores e cubertas, ademais de obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio relacionadas coa envolvente exterior, obras de mellora do illamento acústico dos inmobles e as actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira.

 

As solicitudes poderán realizarse ata o próximo 12 de febreiro a través da sede electrónica do Consorcio de Santiago ( https://www.consorciodesantiago.gob.es/carpetaciudadana/tramite.aspx?idtramite=24008 ), así como de maneira presencial no rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59). 

 

TERÉMANTER


O programa TERÉMANTER beneficia a propietarios, arrendatarios e titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble, así como a comunidades de propietarios.

 

Para poder acceder a estas axudas é requisito estar dentro do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica; que o inmoble a manter teña unha antigüidade superior aos dez anos e cumpra coas condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte á choiva.

 

Máis información en: consorciodesantiago.org/es/programa-de-mantenimiento-teremanter