A Casa do Cabido acolle desde esta semana, e ata comezos de novembro, unha mostra pioneira que reúne manuscritos, vídeos, debuxos, fotografías, testemuños e documentos varios, ademais de audios históricos, sobre a profunda relación que o poeta andaluz Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 - Víznar, 1936) mantivo con Santiago de Compostela e coa lingua e culturas galegas.
A mostra, que leva por nome 'Lorca en Compostela', está comisariada polo editor e escritor Henrique Alvarellos e estruturada en dez apartados con máis de 80 pezas e documentos, cedidos por 25 institucións e particulares, e dos que algún deles se exhiben por primeira vez ao público.
Ao acto de inauguración acudiron esta mañá, ademais do propio comisario, a presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, membros do Consello de Administración do Consorcio que se reúnen no día de hoxe, e tamén membros da Corporación Municipal compostelá.
Unha exposición pioneira
Na mostra, o público asistente terá oportunidade de ver manuscritos orixinais de Lorca (poemas e dedicatorias), debuxos que realizou en Santiago no Hotel Compostela en 1932, imaxes en movemento da xira por Galicia da compañía La Barraca montando o escenario na Quintana ou paseando Lorca por Vigo, edicións únicas dos Seis poemas galegos (dende a primeira de 1935 ata singulares traducións ao xaponés ou ao lunfardo) e mesmo poderá escoitar o poeta tocando o piano e a Blanco-Amor recitando en Bos Aires en 1959 a "Danza da lúa en Santiago".
É a primeira vez na historia que se reúne toda esta documentación arredor de Lorca e Santiago, un autor que chegaría a definirse, nunha viaxe a Bos Aires, como "poeta gallego". Un escritor que ademais amosaba a súa admiración por Rosalía de Castro, que queda patente xa dende os seus primeiros inicios como escritor. Eduardo Blanco Amor chegaría a afirmar que Lorca quedou "fulminado" por Compostela.
Dez apartados
A mostra convida, xa á entrada, a sacar unha fotografía a carón de Lorca, reproducido a tamaño natural ou a velo en movemento na súa xira teatral por Galicia no verán de 1932.
No baixo e os dous andares do edificio da praza de Praterías poden visitarse dez apartados da mostra: Saca unha foto con Lorca; Un poeta en movemento; "Esto me hipnotiza"; Lorca, debuxado; Lorca, debuxante; La Barraca, na Quintana; A pegada escrita; "Llevo a Galicia en el corazón"; Lorca ao piano e A homenaxe dun pobo.
Comisariado
O comisario da mostra, Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é editor e escritor. Licenciado en Filoloxía Hispánica e Máster en Medios de Comunicación, dirixe Alvarellos Editora desde o 2004 e preside desde 2020 a Asociación Galega de Editoras. Autor de varios libros, en 2018 impulsou a celebración, cada 25 de outubro, do Día de García Lorca en Galicia, rescatou a crónica da primeira viaxe de estudos do poeta e preparou a edición facsimilar e ilustrada dos Seis poemas galegos. En 2020 escribiu Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora) e traduciu ao galego Medio pan e un libro (Kalandraka) a conferencia de Lorca en Fuentevaqueros en 1931.
'Lorca en Compostela' está coordinada por Juan Conde, responsable de Publicacións do Consorcio de Santiago. Ademais, o deseño correu a cargo de Dardo, a produción realizouna Axeitos e a montaxe, Daexga.
Visita do público
O horario do apertura da Casa do Cabido no verán é de 10 a 14 horas e 17 a 21 horas de martes a sábado e domingos de 11 a 14 horas