Comeza a quinta edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación organizado pola Fundación Laboral en colaboración co Consorcio de Santiago

xoves, 11 Maio, 2023

A quinta edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado pola Fundación Laboral da Construción de Galicia en colaboración e confinanciación co Consorcio de Santiago, comeza este venres, 12 de maio. Trinta profesionais, técnicos/as e xefes/as de obras de rehabilitación participarán nesta acción formativa na que xa se formaron 90 persoas desde 2019.

 

O curso, que se impartirá os venres e sábados no Centro de Formación de Santiago (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) da entidade paritaria, representa unha especialización única en Galicia nun dos campos máis en auxe hoxe en día en construción: a rehabilitación.

 

A chegada dos fondos de Recuperación Next Generation EU supuxo un impulso á reforma de edificacións, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e de reducir o seu consumo e emisións xa que, hoxe en día, os edificios representan o 40% do consumo de enerxía final da Unión Europea, segundo a Directiva 2012/27/UE. Desde a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia destácase a importancia desta formación xa que a rehabilitación é un motor económico para a industria da construción, á vez que axuda a lograr un parque de inmobles máis sostible e habitable, algo fundamental para conseguir unha sociedade cuns estándares de calidade de vida mellores e para reducir o impacto medioambiental.

 

Formación con máis de 40 expertos/as da industria

De aí a necesidade de que os profesionais que traballan específicamente neste ámbito se poñan ao día en cursos como o CEGOR que facilita ao seu alumnado formarse con ata 40 expertos/as recoñecidos/as do sector a través de clases teóricas e talleres prácticos sobre as distintas técnicas e oficios da rehabilitación como estucado, cantería, forxa ou madeira, así como visitas a empresas para coñecer distintos materiais construtivos.

 

Baixo a coordinación do arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Ángel Panero, o CEGOR aporta unha visión integral da xestión dunha obra de rehabilización, comezando pola súa xestión administrativa e legal, pasando pola súa xestión económica, polo coñecemento de materiais e técnicas así como as instalacións e eficiencia enerxética.

 

Como en anteriores edicións, para facilitar a asistencia das persoas participantes ás que lles sexa imposible trasladarse ao Centro de Formación de Santiago, a parte presencial da acción formativa está aberta a realizarse tamén a través da “Aula virtual” da Fundación Laboral.