O Consorcio de Santiago presentou este venres a exposición que acolle a Casa do Cabido e conmemora o 90º aniversario da radio en Compostela baixo o nome 'Historias de Radio Galicia. 90 anos contigo'. Esta mostra fai un percorrido pola historia da emisora decana galega desde os seus inicios ata a actualidade.
Á inauguración da mostra acudiu na mañá deste venres o presidente do Consorcio e alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o comisario da exposición, Aser Álvarez, e demais membros da Corporación Municipal. Tamén acudiu o director de Radio Galicia, Mario Moreno, acompañado de traballadores en activo e retirados de Radio Galicia.
90 anos de lembranzas
A través das catro salas faise un percorrido polas voces históricas que compuxeron Radio Galicia ao longo dos seus noventa anos de historia, así coma os seus programas, eventos e noticias. Tamén se poderán ver obxectos únicos como radios antigas da colección dos Portela Seijo e a súa gravadora de fío dos anos 40, ou a placa orixinal de EAJ-4. Na exposición, que será multimedia, os visitantes poden escanear distintos QR para escoitar audios deses noventa anos.
"Temos que atopar unha palabra para definir a relación entre a radio e os ouvintes. Non somos da familia pero estamos nos vosos móbiles e nos vosos coches. Deixádesnos entrar nas vosas casas con tal confianza que coñecemos até as vosas cociñas, baños e dormitorios. Non é cousa dun día ou dun mes. A relación de Radio Galicia cos ouvintes fai xa noventa anos. E seguimos na procura da palabra axeitada", expresa Aser Álvarez, comisario da exposición.
Na primeira das salas cóntanse os inicios de EAJ-4, así como o obradoiro dos irmáns Portela Seijo en Santiago, pioneiros da radio. Na segunda delas expóñense fotografías das voces dos locutores que formaron parte da historia de Radio Galicia durante as décadas intermedias do século XX como son Ángel de la Peña, Isabel Carou, Pili Pereira, José Gutiérrez ou Santiago Davila, entre outros.
Na seguinte das salas amósanse aqueles recordos das últimas décadas que poden ter máis recentes quen visite a exposición. Entre eles están locutores como María Tereixa Navaza, Pepe Domingo Castaño, Rodolfo Irago, Antonio Bermúdez, Aida Pena ou Xaime López.
Xa por último, a cuarta sala da mostra está dedicada a dar a coñecer os membros actuais da emisora compostelá, tanto traballadores da redacción como técnicos, persoal de administración ou comerciais. Tamén se poden ver na Casa do Cabido as estatuíñas dos tres Premios Ondas que conseguiu Radio Galicia.
Aberta ao público
A exposición poderá visitarse de balde ata o mes de maio en horario de martes a sábado de 10h a 14h e 16h a 20h e os domingos de 11h a 14h.