Últimos días para solicitar as axudas á rehabilitación de vivendas do programa 'Ter é Manter'

mércores, 15 Febreiro, 2023

O Consorcio de Santiago lanzou o pasado mes de xaneiro un novo programa de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior das vivendas da Cidade Histórica compostelá cun importe de 900.000 euros.

 

O prazo de solicitudes para poder optar a estas axudas rematará o vindeiro luns, 20 de febreiro ás 14h, e poderán entregarse no Rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59) ou por calquera dos medios admitidos na Lei de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común. Na web do Consorcio, consorciodesantiago.org, pode atoparse toda a información ao respecto.

 

Esta convocatoria, que ten un 50% máis de orzamento que a realizada en 2022, foi aprobada na xuntanza do Consello de Administración do Consorcio do pasado 16 de decembro, sendo o cuarto incremento consecutivo destas axudas para un programa que se vén realizando anualmente nos últimos sete anos tras as primeiras convocatorias de 2006, 2009, 2012 e 2013.

 

Ter É Manter
O programa beneficia tanto a propietarios, a arrendatarios ou a titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble así como comunidades de propietarios.

 

Para poder participar, os requisitos son estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica así coma que o seu uso sexa o de vivenda principal, ter unha antigüidade superior aos dez anos e ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte a choiva.

 

Na convocatoria faise fincapé especial nas actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando a introdución de novos produtos innovadores derivados da madeira.