O vindeiro domingo 12 de febreiro será o derradeiro día no que poderá visitarse a exposición da Casa do Cabido que conmemora o 70º aniversario do Moto Club Compostela. Esta mostra pode visitarse de balde en horario de 10h a 14h e 16h a 20h ata o sábado e o domingo entre as 11h e as 14h.
A exposición, que estivo dispoñible desde novembro, acadou grande éxito de público durante os tres meses nos que estivo aberta. Nela faise unha homenaxe para dar a coñecer a historia e evolución destas sete décadas con motocicletas, fotografías, carteis, vestimentas e outros obxectos curiosos que farán que os visitantes se trasladen a outras épocas.
Sobre o Moto Club
Fundado en 1953, o Moto Club Compostela foi, desde os seus inicios, un nexo de unión entre os seus integrantes e a sociedade compostelá. Durante este período levou a cabo labores de organización de concentracións moteiras como a que tivo lugar en 1993 con miles de asistentes.
Tamén celebrou probas deportivas a nivel rexional, autonómico e nacional, recollidas de alimentos, colaboracións con voltas ciclistas, carreiras pedestres, asociacións sen ánimo de lucro, ou a Ruta Rosaliana que cada 17 de maio enche a praza do Obradoiro de centos de motocicletas clásicas de todas as épocas e percorre lugares emblemáticos na vida da escritora.