O Consorcio de Santiago celebra o seu trixésimo aniversario con paseos patrimoniais e unha campaña de concienciación sobre o coidado do patrimonio

venres, 2 Decembro, 2022

O Consorcio de Santiago conmemora os seus trinta anos de existencia promovendo paseos para dar a coñecer o patrimonio da cidade, ademais dunha campaña co obxectivo de concienciar a todos os axentes implicados no coidado necesario para preservar o patrimonio que herdamos.

 

Os actos do trixésimo aniversario da institución interadministrativa foron presentados este luns no Pazo de Vaamonde, sede do Consorcio de Santiago polo seu presidente, e alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a xerente do Consorcio, Belén Hernández.

 

Estes paseos realizaranse entre hoxe e o 16 de decembro e buscan potenciar o coñecemento da veciñanza en relación ao seu patrimonio cultural, histórico, artístico, tanxible e intanxible. Neles haberá dous itinerarios complementarios con narrativas diversas.

 

Por un lado, haberá uns paseos que levarán pola Compostela Patrimonio Mundial, que amosarán o valor universal excepcional da cidade histórica de Santiago que a levou a obter esta declaración no ano 1985. Polo outro, os paseos da Compostela Oculta ensinarán anécdotas dos últimos mil anos descubrindo lugares nos que non reparamos ao camiñar pola rúas compostelás, e nos que ademais se descubrirán os episodio máis descoñecidos da nosa historia.

 

Este ciclo de visitas realizaranse os martes, xoves e domingos no caso dos paseos pola Compostela Patrimonio Mundial e os luns, mércores, venres e sábados no caso dos paseos pola Compostela Oculta. Aqueles que sexan entre semana (de luns a venres) partirán ás 20h e os dos sábados e domingos realizaranse ás 12h e ás 18h cunha duración dunha hora.

 

O punto de encontro será sempre na Praza do Toural e poderá sumarse de balde quen o desexe sen previa inscrición ata completar grupo.

 

Campaña sobre o patrimonio
Paralelamente a estes paseos, o Consorcio de Santiago realizará unha campaña para concienciar sobre a necesidade de coidado do legado Patrimonio Mundial que recibimos dos nosos antepasados. Esta campaña leva por título "Contigo coidamos Santiago".

 

Esta acción busca destacar que as boas prácticas no coidado do patrimonio xeran calidade de vida e melloran a convivencia. Ademais, fai fincapé en que entre todos e todas, tanto veciñanza, como visitantes, como empresas ou administracións, somos responsables e temos o deber de conservar o legado Patrimonio Mundial do que dispoñemos e transmitirllo ás vindeiras xeracións.

 

Con esta iniciativa, búscase destacar as boas prácticas no mantemento desta herdanza que depende de todos e todos e para as que o Consorcio de Santiago ofrece asesoramento a quen o precise.

 

Trixésimo aniversario
O Consorcio da Cidade de Santiago naceu no ano 1992 como unha revitalización e unha actualización do Real Padroado de Santiago e supuxo un paso decisivo na creación dun marco de encontro e coordinación das Administracións Públicas para a preservación e posta en valor do Casco Histórico e a dinamización cultural da cidade.

 

Este, ten como obxectivo promover e coordinar todas aquelas accións que deban realizar en Santiago de Compostela as administracións e entidades que o compoñen, dirixidas á preservación e revitalización do Patrimonio Cultural da cidade.