O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican un libro coas memorias do Café Derby

De esquerda a dereita: Henrique Alvarellos, Fernando Franjo, Xosé A. Sánchez Bugallo e Belén Hernández
mércores, 20 Xullo, 2022

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron na tarde deste mércores o libro Memorias do Café Derby (1929-2020) escrito polo xornalista e promotor cultural Fernando Franjo, e pertencente á biblioteca de divulgación xacobeo, que relata a historia deste café que é un emblema da cidade de Santiago.

 

Este libro, coeditado pola editorial Alvarellos, publícase tras a exposición que acolleu a Casa do Cabido entre novembro de 2021 e febreiro de 2022 e agora pode visitarse nos Centros Socioculturais composteláns.

 

Ao acto de presentación, realizado no salón de actos de Afundación acudiu, ademais do propio autor, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Bugallo, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, así como o responsable da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos, e de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

 

Unha homenaxe

Este libro contén as historias que deron vida a esta recoñecida cafetería da zona vella compostelá situado na praza de Galicia onde o autor reconstrúe, grazas á achega de arquivos familiares e coleccións particulares, a historia máis íntima e gráfica dun local que abriu as portas en 1929 e pecharía como Café en 2020.

 

O libro contén máis de 130 fotografías, ilustracións e documentación da prensa da época e rende homenaxe, en primeiro lugar, ás persoas que mantiveron en pé o Derby e tamén, pretenden ser un convite a sentar de novo a escoitar a Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Carlos Casares ou demais personalidades relevantes da cultura galega que pasaron acotío, polas mesas do Derby. Estas páxinas son tamén un retrato das distintas épocas vividas en Compostela durante os máis de 90 anos de vida.

 

Sobre o autor

Fernando Franjo Franjo (Monforte de Lemos, 1963) é xornalista e promotor cultural licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Xornalismo Turístico polo Instituto Europeo de Xornalismo e Comunicación. Despois de moitos anos como xornalista cultural, especializouse no estudo e visibilización dos cafés históricos e é representante oficial en España e asesor da European Cafes Routes (Asociación Europea de Cafés Históricos). En 2021 comisariou, xunto con Ana Castro, a exposición irmá deste libro que , sobre o Café Derby, promoveu o Consorcio de Santiago.