Un libro sobre Domingo de Andrade recolle todas as facetas do arquitecto galego

martes, 15 Marzo, 2022

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións coeditan Domingo de Andrade. A invención do Barroco, unha obra impulsada pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración coa Facultade de Historia da Universidade de Santiago e co patrocinio do Xacobeo 21-22. Nesta publicación, coordinada polo arquitecto Celestino García Braña e o catedrático de Historia da Arte da USC Alfredo Vigo Trasancos, participan un total de trece autores, arquitectos e historiadores da arte.

 

A publicación preséntase esta tarde no salón de actos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, ás 19:00 horas. No evento estarán, ademais dos coordinadores, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsable de Teófilo Edicións, José Luis Teófilo.

 

A Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas de 2020-2022 ao arquitecto, entallador e imaxineiro barroco Domingo Antonio de Andrade (1639-1712), motivo polo cal xorde esta publicación. Andrade nace na localidade coruñesa de Cee. Aínda que os seus inicios son como entallador de retablos barrocos, en 1676 é nomeado Mestre Maior da catedral compostelá, onde intervén na súa maxestosa Torre do Reloxo. A esta obra séguenlle outras, tanto civís como relixiosas, como o baldaquino do Altar Maior da Catedral, a capela do Pilar, o Pórtico da Quintana, San Domingos de Bonaval… Así, Santiago de Compostela pode presumir de ter entre as súas xoias arquitectónicas o maior mostrario das intervencións deste magnífico arquitecto.

 

A arte barroca compostelá e galega non se entenderían sen a figura de Andrade. Esta publicación, escrita en galego e castelán, amosa os últimos descubrimentos sobre o arquitecto ceense e a súa obra. Presenta diferentes estudos desde distintos puntos de vista, complementarios entre si e escritos por destacados historiadores da arte e arquitectos, que debullan a grandiosidade da pegada que Domingo de Andrade deixou na arte universal.

 

Unha obra repartida por toda Galicia

 

Tal como destaca o arquitecto Celestino García Braña, vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, “sobre Domingo de Andrade hai publicacións e estudos moi valiosos pero non son moi abundantes. Este libro ten a virtude de que ofrece unha visión poliédrica, tócanse todas as súas actividades no mundo da arte, non só a arquitectura, posto que foi ademais un magnífico retablista; proporciona unha visión de conxunto de toda a súa obra”.

 

“Foi un arquitecto que traballou en toda Galicia, en Lugo, A Coruña, Ourense, Tui… e, por suposto, en Santiago, e na publicación está presente esta territorialidade. É importante que se teña coñecemento desta dimensión de Andrade, que deixou a súa pegada en múltiples zonas de toda a comunidade. É o caso do Mosteiro de Oseira, a Catedral de Tui, o Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, a Catedral de Lugo, a Catedral de Ourense… entre outros moitos exemplos” -salienta García Braña-.

 

García Braña indica que “nos seus anos de exercicio profesional, a partir da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, converteuse no gran gurú da arquitectura galega, realizando grandes obras pero tamén traballando en aspectos de menor entidade do núcleo da cidade. Así, en Compostela foi o responsable de levar a cabo boa parte da rede de sumidoiros, fixo algunha fonte… e ata redactaba informes. Neste aspecto, consérvanse preto de 300 informes, algúns de enorme calado arquitectónico, pois era un profesional moi metódico, que entendía cada traballo como un exercicio a favor da arquitectura e desta ao servizo da sociedade e de enriquecer a imaxe de Compostela”.

 

Tal como apuntan os coordinadores da publicación, “Domingo de Andrade foi un arquitecto dunha extraordinaria modernidade, ao que lle interesaba non só a linguaxe barroca, senón todos os aspectos técnicos e construtivos da arquitectura; e de aí a atención que lle prestou á arquitectura militar, entendida como un desafío para lograr a máxima eficacia construtiva”.