O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo; e coa participación do Inspector Xeral do Ministerio de Hacienda y Función Pública, Ángel Esteban Paúl; e o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Abordáronse diversos asuntos de trámite, como os expedientes que se levarán para a súa aprobación ao vindeiro Consello de Administración, previsto para o mes de abril. Destaca en particular o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da fachada nobre do Pazo de Raxoi.
No transcurso da reunión deuse conta da práctica finalización da tramitación das subvencións culturais e informouse da situación das presentadas ás convocatorias estatais do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Así mesmo, tratouse a incorporación do Consorcio de Santiago ao III Plan para la Igualdad de Género da Administración Xeral do Estado. E fíxose fincapé nos trámites xurídicos que están pendentes para poder poñer en marcha a sede electrónica do Consorcio. Tamén se repasou a programación da orquestra Real Filharmonía de Galicia para os vindeiros meses.
Rehabilitación dos inmobles da cidade histórica
Durante a Comisión destacouse o número de solicitudes recibidas no marco do programa “Terémanter”, dirixido á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e ao mantemento da envolvente exterior dos inmobles da cidade histórica de Santiago. Nesta última convocatoria, lanzada a principios de 2022, recibíronse un total de 96 solicitudes, o que representa unha nova cifra récord por terceiro ano consecutivo.
Nestes intres os técnicos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago están a avaliar as solicitudes. Valorarase a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira, que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio e do Informe de Avaliación do Edificio, así como o nivel de ingresos da unidade de convivencia. Terán especial consideración os inmobles afectados pola contaminación acústica, situados nas zonas declaradas saturadas de ruído polo Concello de Santiago, sempre que coa intervención se consiga unha mellora do illamento acústico. Así mesmo, valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao seu nivel de ocupación.
A través destas axudas búscase mellorar a eficiencia enerxética e o illamento acústico dos edificios. O organismo destina a esta convocatoria un importe global de 600.000 €, o dobre da cantidade da convocatoria de 2020.