Vaise rehabilitar a fachada nobre do Pazo de Raxoi

venres, 17 Decembro, 2021

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ámbalas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén participaron os dous vicepresidentes do organismo: a subsecretaria do Ministerio de Facenda e Función Pública, Pilar Paneque; e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Ademais, contouse coa presenza do subsecretario de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Jesús Manuel Gómez; o subsecretario do Ministerio de Cultura e Deporte, Eduardo Fernández; e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; xunto aos voceiros dos grupos municipais. De cara ao cumprimento das esixencias da lexislación vixente, no transcurso das reunións aprobouse un plan de obxectivos para o ano 2022, xunto ao presuposto de 2022 e modificouse o plan xeral de investimentos 2019-2022.

 

O presuposto para o vindeiro ano ascende a 9.171.031,69 €. As aportacións das Administracións consorciadas ascenden a 4.555.390 € por parte da Administración Xeral do Estado, 2.784.413 € da Xunta de Galicia e 1.393.264,44 € do Concello de Santiago. Ao programa de rehabilitación, mantemento e recuperación urbanas vanse destinar 1.798.579,88 €; ao programa de dinamización cultural e turística 5.813.016,90 €; ao programa de información, estudo, interpretación e divulgación da cidade 385.219,45 €; e ao programa de administración, dirección xeral e mantemento e conservación do patrimonio propio 1.174.215,46 €.

 

Intervencións no Pazo de Raxoi

 

En relación ao mantemento e posta en valor dos monumentos da cidade histórica, iniciarase a rehabilitación da fachada nobre do Pazo de Raxoi, que incluirá ademais a mellora da eficiencia enerxética do edificio. Así mesmo, continuarase cos traballos xa iniciados de substitución das súas cubertas para evitar as filtracións da auga da choiva ao interior do inmoble.

 

No apartado de mantemento de inmobles propios, o vindeiro ano avanzarase na substitución das cubertas do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e na instalación da cuberta telescópica na piscina do Multiusos Fontes do Sar.

 

Axudas á rehabilitación do tecido residencial

 

No que se refire ao tecido residencial, en 2022 o Consorcio continuará coa súa liña de axudas dentro do programa “Terémanter”, destinadas ao mantemento das envolventes exteriores e á rehabilitación das carpinterías de madeira e reixas dos edificios de titularidade privada. Prestarase especial atención ás actuacións dirixidas ao aforro enerxético. Para esta convocatoria destinaranse 600.000 €, o que representa un incremento do 47% con respecto a 2021 e do 79% en relación a 2020.

 

Mantemento de lousados

 

No marco do programa “A pedra que pisas”, o Consorcio de Santiago vai destinar o vindeiro ano un total de 194.000 € á conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica.

 

Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica

 

O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica comprende a coedición de publicacións vencelladas á cidade -en 2022 está previsto que saian á luz un total de 15 novas publicacións-, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas. Continuarase ademais co escaneado das publicacións esgotadas para o seu posterior volcado na páxina web do Consorcio, o que permitirá a súa consulta tanto por parte de estudosos como de particulares. Tamén se avanzará nas tarefas de inventario e catalogación do fondo fotográfico de Xenaro Martínez Castro, do cal o Consorcio custodia na actualidade unhas 110.000 fotografías entre negativos e positivos.

 

Programa de Dinamización Cultural e Turística

 

O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, que representan un custo total de 4.948.016,9 €. Ademais, o Consorcio colabora con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como o espectáculo dos fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, diversas iniciativas culturais do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago, Música en Compostela ou a colaboración coa Fundación Granell.