A Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago clausuraron no Centro de Referencia de Formación en materia de Rehabilitación de Pontepedriña o Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR 2021). Diríxese a profesionais, técnicos e xefes de obras coa necesidade de adquirir ou ben actualizar os seus coñecementos en materia de conservación, restauración e rehabilitación.
O acto contou coa participación de Fernando García Novo, xerente da Fundación Laboral da Construción en Galicia; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.
A indispensable transformación das nosas cidades no século XXI e os múltiples procesos de renovación que xa se están a desenvolver nos centros históricos, nos núcleos rurais, nos ensanches, e mesmo nas periferias, están a impulsar un cambio paradigmático na cultura urbana e no sector e industria da construción en Europa. Aproveitar as grandes oportunidades que para empresas e traballadores do sector se xeran neste contexto, require investigación, desenvolvemento do coñecemento e formación especializada para facer da rehabilitación e a renovación urbana un gran tractor da economía local e do emprego cualificado e estable.
A capital de Galicia, por tradición e liderado nos procesos de renovación urbana, pero tamén polas intensas actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago en execución que xestiona a Fundación Catedral, pode conquistar un lugar de referencia na materia en Europa. O Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela, e promovido pola Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago, é pioneiro no Estado Español con ese obxectivo, e está destinado de forma específica á formación especializada e reciclaxe de traballadores, técnicos e empresas da construción cara á rehabilitación.
O CEGOR divulga novas fórmulas para a conservación e o desenvolvemento da contorna urbana construída, demostrando que o coñecemento das técnicas tradicionais e a incorporación adaptada dos materiais e técnicas de construción contemporáneas, son alicerces básicos desa nova cultura da rehabilitación que debe ser entendida non xa estritamente en relación coa xestión do pasado, senón como ferramenta indispensable para construír un futuro mellor intensamente vencellado coa optimización dos recursos enerxéticos dispoñibles.
O Curso desenvolveuse desde o pasado mes de abril. Máis de 40 expertos e profesionais de recoñecido prestixio integraron o panel docente e contouse coa participación de 25 alumnos.
O Curso estruturouse en catro módulos: Xestión administrativa das obras de Rehabilitación, Xestión económica das obras de rehabilitación, Materiais e Técnicas construtivas en rehabilitación e Instalacións nas obras de rehabilitación. Cunha duración de 300 horas (170 presenciais e 130 en teleformación), estivo coordinado por Ángel Panero, arquitecto do Consorcio.