O Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny publican Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade no século XXI, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea. É un traballo da historiadora Yolanda López. Preséntase esta tarde, ás 19:30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC-. No acto participarán, ademais da autora, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; a responsable da editorial Guiverny, Belén Fortes; e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo.
Este estudo analiza a imaxe da cidade compostelá no cinema e na ficción televisiva dos primeiros vinte anos do século XXI. Explica como o medio cinematográfico axuda a construír e/ou reforzar a percepción dunha cidade no imaxinario colectivo. Así, debúllanse as claves de once filmes representativos, realizados tanto por directores galegos coma foráneos, organizados en tres bloques: a Compostela literaria, a tradición xacobea e a cidade transitada.
“A proposta procura reflexionar sobre a imaxe que construímos e reinventamos, a que factores se debe o retrato e cales son as fraquezas do mesmo” -explica a autora-. Sinala ademais que “tamén se procura a ollada dunha cidade ocultada que moi probablemente nos enriqueza cando saia á luz”.
Máis alá da investigación crítica, a autora incorpora entrevistas a directores, guionistas e escritores. As reflexións de Jorge Coira, Fernando Cortizo, Camilo Franco, Antón Reixa, Ángel Santos, Suso de Toro e Alfonso Zarauza enriquecen a proposta coma creadores que alimentan o retrato compostelán.
“Afondar nesta materia contribuirá a diferenciar clixés e a afianzar o coñecemento do noso patrimonio, da historia de rúas e prazas, das tramas e personaxes da cidade; os matices que agochan a pedra, a chuvia e a noite” -salienta Yolanda López-.
A Compostela literaria, a tradición xacobea e a cidade transitada
No bloque da Compostela literaria obsérvase como as adaptacións literarias actuais beben directamente de novelas e obras de teatro do sistema literario galego. É o caso de O lapis do carpinteiro de Antón Reixa, Trece badaladas de Xavier Villaverde e Doentes de Gustavo Balza. Todas elas caracterízanse por unha procura na Compostela do pasado, ben dando voz aos relatos silenciados da represión franquista, ben xogando a reinterpretar lendas e tradicións do mito xacobeo.
No apartado da tradición xacobea están The way de Emilio Estévez, Tres en el camino de Laurence Boulting, Galatasaray-Depor (One Day in Europe) de Hannes Stöhr e O Apóstolo de Fernando Cortizo. Nelas vese como foron variando os hábitos e costumes do fenómeno xacobeo, de como a picaresca se instalou nalgúns ou como o rédito económico é fiel compañeiro de tantos.
No bloque da cidade transitada a autora analiza 18 comidas de Jorge Coira, A noite que deixou de chover e Encallados de Alfonso Zarauza e Dos fragmentos/Eva de Ángel Santos. Compostela preséntase como a cidade de quen a habita, transforma e vive nela a diario. Sen dúbida, o centro histórico compostelán é o máis retratado, en particular a Catedral e as súas catro prazas lindeiras -Praterías, Acibechería, A Quintana e O Obradoiro-. Tamén a rúa do Vilar, a rúa Nova e o Franco, as prazas do Toural e Mazarelos e o decimonónico parque da Alameda. Xunto a estes espazos, destacan o Parque de Bonaval e a Praza de Abastos. E non se esquecen os bares, as tabernas… como lugares de encontro.
Por último, a autora engade o prisma televisivo, a través de series como Hospital Real, El final del camino e Tres caminos.
A publicación inclúe anexos nos que se recollen as fichas das películas analizadas e un manual de rodaxe específico para a cidade de Santiago, con datos relativos a taxas municipais, espazos con condicións especiais para rodar, requisitos para gravar en espazos públicos, rodaxes aéreas, rodaxes con armas e/ou explosivos…
A autora
Yolanda López (Compostela, 1975) é doutora cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, onde tamén realizou estudos de Xornalismo. Completou a súa formación cun posgrao en Teatro e un máster en Edición. Conta cunha ampla experiencia como xestora e programadora cultural. Traballou en investigación, produción e programación cinematográfica, tanto en produtoras audiovisuais e centros de investigación como en festivais de cine e salas independentes. Autora de El Siglo de Oro en el cine y en la ficción televisiva (2017), a súa liña de investigación céntrase no estudo comparativo entre cine e historia, así como en estética e dirección artística. Na actualidade traballa como docente na USC e na Universidad Internacional de La Rioja.