Comezan os cursos de formación de canteiros en mantemento de pavimentos históricos

xoves, 22 Xullo, 2021

O curso “Pavimentos Históricos en Santiago de Compostela” é o primeiro dos tres cursos de formación e especialización de canteiros en tarefas de mantemento e conservación de pavimentos urbanos históricos que promove o Consorcio de Santiago no Centro Nacional de Formación de Referencia en materia de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción. Comeza mañá venres. Os dous vindeiros cursos, “Reparación de pezas de cantería en pavimentos” e “Emprego de morteiros no mantemento dos pavimentos”, están programados para o vindeiro 30 de xullo e 10 de setembro, respectivamente. Aínda quedan prazas dispoñibles para calquera traballador interesado.

 

Os cursos impártense presencialmente de 8 a 15 horas no Centro de Formación da Fundación Laboral da Construción, situado na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba. Son gratuítos e están abertos a calquera traballador ou técnico interesado na materia. A reserva de praza pode facerse contactando directamente coa Fundación Laboral da Construción no 981 983 539, ou por correo electrónico no enderezo aruzo@fundacionlaboral.org.

 

Os cursos son consecuencia dos criterios obxectivos de contratación pública socialmente responsable para favorecer a formación establecidos polo Consorcio de Santiago nos pregos do proceso de adxudicación do contrato de mantemento dos pavimentos urbanos do centro histórico de Santiago, no marco do programa “A pedra que pisas”. Estes cursos foron ofertados pola empresa que finalmente resultou adxudicataria, Joscon Construcións, que ademais é unha empresa local.

 

O arquitecto do Consorcio responsable deste proxecto, Ángel Panero, explica que “en coherencia coas previsións da Lei de contratos 9/2017, trátase de substituír os criterios obxectivos de adxudicación de obras públicas exclusiva e estritamente vencellados coa baixa económica, con consecuencias perversas, por outros criterios de carácter social, que, sen deixar de ser tamén obxectivos, respondan ás directrices de contratación pública estratéxica e socialmente responsable previstas na lei e establecidas nas Directivas do Parlamento Europeo e do Consello de Europa”. O arquitecto indica que “entre estes criterios de carácter social, o da formación de traballadores, técnicos e empresas é esencial para o futuro do sector, para loitar contra o desemprego e garantir a protección do patrimonio. Por iso o Consorcio de Santiago concédelle grande importancia e puntúa nos procesos de adxudicación o compromiso do licitador cos procedementos de formación. Neste caso, a empresa adxudicataria ofertou o financiamento destes tres cursos que se ofertan a calquera traballador ou técnico interesado”.

 

“A pedra que pisas” vela polos máis de 60.000 m2 de lousado do centro histórico

 

“A pedra que pisas” é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago desde o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do centro histórico compostelán. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas, baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.

 

O obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns que se moven a pé pola cidade histórica. Con este propósito, un equipo de canteiros dedícase en exclusiva a reparar de maneira inmediata calquera situación de risco para os viandantes. “Dáse a circunstancia de que son os vehículos, en particular os camións de reparto de mercadorías e outros servizos, os que están a provocar danos de xeito recorrente sobre as mesmas áreas” -manifestan os técnicos do Consorcio-.

 

Os cidadáns tamén poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado a apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de reparar o dano.

 

Este programa busca ademais garantir a mellor conservación dos lousados, tendo en conta que “o pavimento da cidade histórica é unha auténtica fachada horizontal de pedra pola que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas cara aos sumidoiros e, por debaixo da cal, se atopan as infraestruturas indispensables para garantir a habitabilidade, a produtividade e a competitividade da cidade -salientan os técnicos-.