Enlace para seguir en directo: https://youtu.be/kUJYIGogt6E
O 4 de decembro do ano 1985 a cidade de Santiago de Compostela era declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Este venres, 4 de decembro, cúmprese o 35º aniversario de tan transcendental efeméride. Para conmemoralo, o Consorcio de Santiago vai celebrar unha xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia; e, co fin de que poida chegar ao maior número de persoas posible, poderá seguirse tamén en directo desde as diversas canles do Concello.
Baixo o lema “A xestión do Patrimonio Mundial da Unesco”, o evento comezará ás 10:00 horas e prolongarase ao longo de toda a mañá. Na inauguración contarase coa presenza do secretario xeral de Cultura do Ministerio de Cultura y Deporte Javier García -que participará telematicamente-; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.
De seguido intervirá o alcalde de Porto, Rui de Carvalho de Araújo Moreira -de xeito telemático-. Abordará a complexidade da xestión dunha cidade Patrimonio Mundial da Unesco. Pola súa parte, Xerardo Estévez, arquitecto e rexedor da cidade no momento da súa declaración como Patrimonio da Humanidade; lembrará como foi o proceso de candidatura de Santiago.
A xornada rematará cunha mesa redonda de debate sobre “O Patrimonio da Unesco en Galicia: múltiples experiencias de xestión”. Estará moderada pola concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Participarán na mesma o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez.
Actividades para toda a cidadanía
O Consorcio de Santiago promoveu durante os últimos meses varias iniciativas dirixidas a toda a cidadanía para celebrar esta data, en particular encontros nos que se abordou o valor patrimonial da cidade, así como paseos guiados pola zona histórica de Compostela. Para os máis novos, organizáronse charlas nos institutos da cidade e convocouse un concurso de postais para alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, cuxos gañadores se darán a coñecer no transcurso do evento deste venres. Todas estas actividades enmárcanse no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do que forma parte o Consorcio xunto ás cidades de Porto, Florencia, Burdeos e Edimburgo; centrado na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica.