Vaise substituír a cuberta do Palacio de Congresos e a do Pazo de Raxoi

venres, 24 Xullo, 2020

Como vén sendo tradición cada 24 de xullo, coincidindo coa noite do Apóstolo, o Consorcio de Santiago celebrou esta tarde a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Así mesmo, asistiron a subsecretaria do Ministerio de Facenda, María del Pilar Paneque Sosa; e o subsecretario do Ministerio de Fomento, Jesús Manuel Gómez García. Por parte da Xunta de Galicia, acudiu o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

 

Nesta ocasión, co fin de poder manter as distancias de seguridade, a xuntanza non tivo lugar na sede do Consorcio, o Pazo de Vaamonde, senón no Centro Abanca Obra Social da praza de Cervantes, polo que o Consorcio de Santiago amosa o seu agradecemento a Abanca por poder dispor das súas instalacións.

 

No transcurso das xuntanzas abordáronse varios temas de trámite administrativo. En particular, aprobáronse as contas xerais do organismo correspondentes a 2019, así como o plan de contratación pública do Consorcio.

 

Apoio á recuperación económica dos locais comerciais trala COVID-19

 

Aprobouse unha nova convocatoria de subvencións destinadas á adecuación dos locais comerciais da cidade histórica de Santiago, vencelladas á recuperación económica trala COVID-19, cun importe global de 120.000 €. A finalidade destas axudas é apoiar ao comercio na súa adaptación ás esixencias da nova normalidade, mellorando a accesibilidade e eficiencia enerxética dos locais, mellorando a súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, xunto á instalación das medidas de protección necesarias contra a COVID-19. Entre estas medidas de protección inclúese a colocación de mamparas, dispensadores fixos de xel hidroalcólico, hixienizadores, cámaras termográficas, unidades purificadoras de aire que incorporen filtros HEPA, sistemas de medición de aforo, etc. e ata servizos profesionais relacionados con estas.

 

Poderán ser subvencionables as obras iniciadas despois da presentación da solicitude, así como aqueles gastos de instalación de medidas de protección contra a COVID-19 realizados e pagados desde a data da declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria. A convocatoria publicarase nos vindeiros días e os interesados terán un prazo dun mes para presentar as solicitudes.

 

Vaise substituír a cuberta do Palacio de Congresos

 

Os órganos de administración do Consorcio de Santiago aprobaron a substitución da cuberta do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, propiedade do organismo interadministrativo, co fin de solventar as continuas e abundantes filtracións da auga da chuvia en numerosos puntos. Esta intervención alcanzará un presuposto global de 1.623.090 €.

 

Repararanse as cubertas do Pazo de Raxoi

 

Por outro lado, deuse conta do incremento da partida que se vai destinar á reparación da cuberta do Pazo de Raxoi, cuxo importe ascenderá aos 941.048,41. A cuberta atópase nun deficitario estado de conservación, tal como se recolle no Plan Director do edificio, xerando filtracións da auga de choiva ao interior do inmoble. Resulta, pois, urxente proceder á substitución da cuberta deste edificio monumental, catalogado co Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago.

 

Vaise modificar o proxecto de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego

 

A obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, promovida e dirixida polo Consorcio de Santiago, xa leva varios meses en marcha. Aprobouse unha modificación do proxecto principal, o que supón un incremento de 341.987,70 € con respecto ao presuposto de adxudicación, o que eleva o orzamento total das obras a 3.077.889,26 €. As características deste edificio monumental, que ten sufrido múltiples intervencións ao longo dos seus máis de tres séculos de historia, esixe axustar o proxecto ás obras realmente necesarias, unha vez coñecidos integramente os problemas que se presentan.

 

Mantemento do lousado derivado da instalación da fibra óptica

 

Tamén se aprobou a proposta do servizo de xestión do lousado do ámbito intramuros da cidade histórica no proceso de implantación da fibra óptica, con 248.534 €. Trátase de garantir o correcto levantado e posterior recolocación das lousas de pedra do pavimento histórico afectadas polo novo trazado. Nesta liña, o Consorcio de Santiago conta cunha ampla experiencia na xestión e mantemento dos lousados de pedra, posto que leva 13 anos a cargo do servizo de mantemento e reparación dos lousados do recinto intramuros da cidade histórica compostelá.