Un manuscrito amosa como era a cidade de Santiago no século XVII

mércores, 4 Marzo, 2020

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións sacan á luz La ciudad de Santiago de Compostela según los hermanos Juan y Pedro Fernández de Boán (ca. 1633-1646), unha publicación do historiador Miguel Taín Guzmán.

 

O manuscrito Historia General y Descripción del Reino de Galicia, atribuído aos irmáns Juan e Pedro Fernández de Boán, trata sobre a historia do Reino e ofrece unha descrición de cada unha das cidades e vilas das súas antigas sete provincias. O catedrático Emérito de Historia da Universidade de Santiago Xosé Ramón Barreiro Fernández fíxose cunha copia manuscrita do século XIX nunha libraría en Madrid nos anos oitenta. Trátase dun volume de 1.126 páxinas, escrito por varias mans, de incalculable valor histórico.

 

O historiador Miguel Taín, grazas á xenerosidade do profesor Barreiro, transcribiu e estudou a descrición da cidade de Santiago de Compostela que os irmáns fan na súa obra. Ve así a luz unha obra inédita, da que ninguén coñecía a súa existencia.

 

Tal como explica o autor, “os irmáns eran fillos de Pedro Fernández de Boán, escribano da xurisdición de Meliás (Ourense) e maiordomo das rendas do Condado de Lemos nesas terras. En realidade o groso da obra corresponde a Juan (1589-1639), clérigo de San Andrés de Castro de Beiro e San Martiño de Vilarrubín, bo coñecedor dos arquivos galegos. O seu irmán Pedro (1592-1650?) ten o mérito de ter concluído o traballo”.

 

Unha monumental historia do Reino de Galicia

 

A Descripción del Reino constitúe unha monumental historia diacrónica do Reino de Galicia que abrangue desde a creación do mundo ata a década de 1640, anos nos que se remata de escribir a obra, froito de décadas de investigación dos seus autores. Contén ademais numerosas inscricións sepulcrais e conmemorativas, lápidas romanas, testamentos, versos, fábulas… e debuxos a pluma dos blasóns das familias nobres galegas.

 

Nesta monografía examínanse as referencias ao patrimonio de Compostela como a súa muralla medieval e as oito portas de entrada á cidade; a Torre do Obradoiro; as súas rúas e prazas; os seus edificios máis emblemáticos como hospitais, colexios, ermidas, igrexas parroquiais, mosteiros, conventos, algúns pazos, pontes, a traída de augas, fontes e, particularmente, a Catedral. Recóllese ademais a indumentaria dos peregrinos, as parroquias da diócese compostelá e a etimoloxía dos seus nomes. Ilústrase con cartografías históricas e documentos gráficos antigos e actuais dos inmobles analizados.

 

Miguel Taín salienta que “se trata do testemuño máis relevante de como era a cidade do Apóstolo, capital do Reino de Galicia, capital da súa arquidiócese e capital da súa provincia, na primera metade do século XVII, antes das grandes transformacións arquitectónicas emprendidas no Barroco. Nas súas páxinas descóbrese como a peregrinación á Catedral e as necesidades que xera seguen a ter un gran papel no desenvolvemento urbanístico e arquitectónico de Compostela”.

 

Tamén se amosa como o desenvolvemento da Universidade implica a construción de novos colexios, como o de San Clemente e o de San Salvador, e como a ambición das diferentes ordes asentadas na cidade promove a construción de novas igrexas e otros inmobles, como o templo de San Martiño Pinario ou o retablo maior de Santa Clara. A mesma Catedral renova a Praza da Quintana, da súa propiedade, e constrúe un moderno acceso na fronte do Obradoiro.

 

O papel dos nobres no enriquecemento arquitectónico e artístico de Compostela

 

O autor indica que “quizais o aspecto máis novidoso que aporta o manuscrito é que permite, como ningún testemuño documental do século XVII localizado ata a data, visualizar o papel das linaxes nobres no enriquecemento arquitectónico e artístico de Compostela co seu patrocinio de capelas, conventos, hospitais, monumentos funerarios e ata o baldaquino da Catedral ou a Torre do Rei de Francia”.

 

O estudo complétase coa transcrición íntegra da parte do manuscrito dedicada á cidade e aos peregrinos que de toda Europa acudían ao Santuario do Apóstolo. Dado que o texto analizado é unha copia decimonónica do orixinal, de momento non localizado, hai partes con erros de transcrición, con frases e ata párrafos completos de difícil comprensión.

 

Parte daquela cidade desapareceu

 

A urbe que coñeceron os irmáns Fernández de Boán vai desaparecer nas décadas seguintes a rematarse de escribir o manuscrito, de aí o seu gran valor documental. A renovación arquitectónica da cidade durante os anos do Barroco vai supor a destrución de gran parte do patrimonio da cidade. Hoxe só se manteñen fragmentos da urbe descrita no manuscrito, como os tímpanos de Santa María a Nova e San Bieito ou a portada do Colexio de San Xerome.