Recíbense 64 solicitudes para o programa “Terémanter"

mércores, 4 Marzo, 2020

O 2 de marzo remataba o prazo para presentarse á convocatoria de axudas que ten en marcha o Consorcio de Santiago co fin de mellorar os edificios da cidade histórica compostelá. Trátase do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios e que inclúe ademais as actuacións sobre os elementos especiais de madeira e reixas. O organismo interadministrativo destinará a esta convocatoria un importe global de 300.000 euros.

 

A convocatoria recibiu un total de 64 solicitudes. Esta cifra é valorada como “moi positiva” polo Consorcio, posto que se segue a liña das convocatorias anteriores, o que implica que “os propietarios están moi concienciados da importancia de manter as súas vivendas”.

 

Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e enreixados dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo da mesma. Ademais, inclúense as obras de mellora do illamento acústico dos inmobles.

 

As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de estadas; así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra, de elaboración do Informe de Avaliación do Edificio (IEE) e de redacción do Plan de Mantemento do edificio de uso de vivenda.

 

O Consorcio ofrece asistencia técnica

 

Estas axudas implican tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.