A Casa do Cabido acolle a exposición “A paisaxe e a súa pegada II”

martes, 8 Outubro, 2019

No marco do proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado ao Xacobeo 2021, exhíbese unha nova mostra na Casa do Cabido. “A paisaxe e a súa pegada II” é a segunda parte da exposición que puido contemplarse nos últimos meses neste espazo. Nesta ocasión son os fotógrafos Andrea Costas, Eva Díez, Denís Estévez e Xoán Soler os que nos amosan a súa visión da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao propio Camiño de Santiago.

 

A comisaria da exposición, Mercedes Rozas, sinala que os catro fotógrafos “descobren nas súas obras distintas formas de encarar o traballo fotográfico. A realidade é o punto de partida, pero a partir de aí cada un aborda coa súa cámara estratexias diferentes, buscando ese punto de inflexión que lles permita cruzar a liña do imaxinario a través do mundo do soño, o misterio ou a alegoría”.

 

Nas fotógrafas e fotógrafos desta mostra “hai unha vontade de estilo propio, unha intención artística de explorar a maternidade como un territorio de tránsito ou proxectar paisaxes ocultas entre a néboa, atrapados no silencio da noite ou na beleza do paso das nubes” -explicou a comisaria-. E remarcou que “as múltiples miradas nas que traballan os artistas provocarán tamén distintas lecturas nos espectadores que se acheguen estes meses á emblemática casa compostelá na Praza das Praterías”.

 

Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía, literatura e poesía fúndense nunha aventura común. Así, fragmentos literarios e poéticos de Ramón María del Valle-Inclán, Jorge Luís Borges, Olalla Barro López e do xaponés Junichiro Tanizaki acompañan a viaxe fotográfica, compartindo espazo coas imaxes.

 

As miradas dos fotógrafos

 

Andrea Costas xoga coa dualidade desde a representación do seu propio corpo. O valor do leite materno engarzado ao símbolo da Vía Láctea, co significado que este ten para os camiñantes a Compostela, adquire na súa obra un papel alegórico. Maternidade e peregrinaxe unidos nun mesmo percorrido cargado de sacrificio e, tamén, de ledicia e satisfacción. Os versos de Olalla Barro López son o complemento á imaxe artística de Costas. Fotografía e poema participan dos mesmos anhelos do rexurdir da vida.

 

Na obra de Eva Díez hai unha constante que se repite en todas as súas series: a presenza do silencio. O silencio como ausencia, como soidade absoluta, mesmo como melancolía e algo de misterio. Casas baleiras iluminadas na noite, espazos perdidos no mar sen horizonte, nubes que se afastan como reflexo do camiño, do infatigable vagar… A súa escenografía semella un silencio en continuo retorno, que vai e vén en calado sixilo. As paisaxes maniféstanse espidas ante a artista, que nas súas longas camiñadas inmobiliza coa súa cámara ese bordo impenetrable das cousas. Tamén os versos de Borges convidan a imaxinar mundos impenetrables, invisibles, máis aló das nubes.

 

Denís Estévez adéntrase na cartografía do imaxinario para un diálogo coa natureza. Busca o silencio da noite, a calma e a serenidade do bosque para atrapar a maxia da paisaxe. O proxecto abórdase desde a suposta mirada dunha persoa invidente que soña cunha luz no medio das tebras. Refuxiarse e fundirse coa contorna é unha táctica ancestral na cultura oriental, unha sensibilidade á que se achega o autor compostelán nesta serie, Mapa Inverso, poetizando escenas nos lindes entre a luz e a sombra. O escritor xaponés Junichiro Tanizaki semella bordear coas súas palabras as creacións do fotógrafo. As notas de cabeceira e as imaxes coinciden no desexo común dunha harmonía co territorio.

 

Xoán Soler adoita representar a realidade que vive día a día como fotoxornalista de La Voz de Galicia, perseguindo esoutra mirada, a do fotógrafo experimentado que capta a esencia e poesía da cidade. As imaxes fixan o relato no linde mesmo da beleza, no xusto momento que seducen como un feitizo. En Compostela e os seus seis elementos o autor describe a biografía dunha encrucillada, aquela que se bate entre a tradición e a contemporaneidade, tentando non perder o equilibrio do progreso. Valle-Inclán dixo que non parecía “antiga, senón eterna”. Soler, coas súas tomas, non deixa de lembrárnolo.

 

A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata finais de decembro

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do vindeiro mes de decembro. Poderá visitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas (en inverno de 15:00 a 20:00 horas, coincidindo co cambio horario), e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.