O Consorcio recibe 65 solicitudes para a rehabilitación de inmobles da cidade histórica

xoves, 28 Marzo, 2019

O 25 de marzo remataba o prazo para presentarse a dúas convocatorias de axudas que ten en marcha o Consorcio de Santiago co fin de mellorar os edificios da cidade histórica compostelá. Trátase, por un lado, do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios. E, por outro lado, o programa destinado de maneira específica á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas de cara a optimizar a eficiencia enerxética das vivendas e o seu illamento acústico. Cada unha destas subvencións alcanza o importe global de 150.000 €.

 

O programa “Ter é manter” recibiu un total de 31 solicitudes. Pola súa parte, o programa de carpinterías recibiu 34 solicitudes. Estas cifras son valoradas como “moi positivas” polo Consorcio, posto que se mantén a liña das convocatorias anteriores, o que implica que “os propietarios están moi concienciados da importancia de manter as súas vivendas”.

 

Programa de mantemento

 

Este programa abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles. Os edificios deben ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

 

Programa de carpinterías

 

Con esta programa búscase fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados. Neste caso os inmobles deben ter unha antigüidade superior aos 20 anos e dáse preferencia aos destinados a vivenda e con ocupación ou actividade permanente.