Vanse realizar obras na igrexa de Santa María de Marrozos

luns, 5 Novembro, 2018

No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de Santa María de Marrozos, situada na parroquia homónima. O organismo acaba de sacar a obra a concurso, por un orzamento global de 67.414,84 euros. As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas ata o 28 de novembro.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que “se actuará no tellado, ao tempo que se limparán e protexerán as fachadas”. Lembra que “no ano 2002 o Consorcio substituíu a cubrición do templo e fixéronse conexións de saída da auga da choiva. E, dende esa data, o tellado non tivo labores de mantemento”.

 

Tal como explica a arquitecta do Consorcio, en xeral o estado de conservación da igrexa é bo, aínda que presenta diversos problemas vencellados coa auga. Así, a cuberta ten problemas de impermeabilización e pingueiras en diversos puntos, xunto cun grao elevado de desprazamento das tellas. Por outro lado, non existe un sistema de evacuación de augas pluviais conectado ás baixantes. En canto ao interior da igrexa, o pavimento mostra un avanzado estado de podremia no encontro cos muros perimetrais debido á humidade de capilaridade.

 

As actuacións no exterior e no interior do templo

 

As actuacións na cuberta centraranse na mellora da súa estanquidade. Ademais, levarase a cabo unha revisión e limpeza do sistema de canlóns e baixantes así como da súa conexión á rede local de condución de auga.

 

Limparanse os paramentos exteriores da nave e aplicarase pintura mineral. Baixo control arqueolóxico, levantarase a grava perimetral da gabia de drenaxe existente que conecta as canalizacións de pluviais. Revisarase todo o sistema asegurando que a evacuación das augas se produce correctamente fóra do recinto. Para este traballo prevese a participación dun especialista en arqueoloxía de cara a prever o desprazamento das lápidas funerarias existentes no ámbito de actuación.

 

No interior da igrexa levantarase o pavimento de madeira no encontro cos muros. Tamén se levantará e renovará a varanda da escaleira de acceso ao coro.