Licítase a realización dos fogos do Apóstolo

luns, 21 Maio, 2018

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso o deseño, produción, montaxe  e realización dos espectáculos nocturnos das Festas do Apóstolo 2018, que terán lugar o 24 de xullo na Praza do Obradoiro e no seu contorno e o 31 no Campus Sur (Alameda). A licitación, por un valor global de 217.800 euros, inclúe ademais o deseño de folletos informativos co guión e a explicación do espectáculo. 

 

O 24 de xullo o espectáculo desenvolverase na Praza do Obradoiro. Comezará ás 23:30 horas e terá unha duración mínima de 30 minutos. Descártase a utilización da Catedral e demais edificios do conxunto catedralicio (fachadas, escalinata, balcóns, barandas, reixas…) como soporte de calquera elemento necesario para a realización do espectáculo, xa sexan artefactos pirotécnicos de luz ou instalacións auxiliares. Polo tanto, usarase principalmente o Pazo de Raxoi e, se a proposta artística o considera necesario, tamén se poderán empregar as fachadas do Pazo de San Xerome, a do Hostal dos Reis Católicos ou da propia Catedral como panos de proxección de imaxes ou para a creación de efectos escenográficos mediante a proxección de luz. A empresa adxudicataria poderá propoñer a repetición do espectáculo multimedia nos días 25 e 26 de xullo.

 

A proposta creativa do espectáculo multimedia do 24 de xullo terá como fío argumental a evolución histórica da construción da cidade compostelá e os seus principais edificios, a evolución histórica da cidade e dos seus habitantes, así como a relación entre a cidade e o fenómeno xacobeo.

 

Pola súa parte, o 31 de xullo a queima do castelo de fogos de artificio na escalinata do Campus Sur (Alameda) terá unha duración mínima de 15 minutos e dará comezo tamén ás 23:30 horas. Os horarios de ámbolos dous espectáculos poderán variar en función doutros que poidan celebrarse na Praza do Obradoiro ou na Praza da Quintana nesas datas.

 

Os elementos pirotécnicos estarán elaborados con materiais biodegradables e sen presenza de percloratos. Valorarase o uso de medidas correctoras que minimicen o impacto visual que os equipos técnicos de proxección, iluminación, luz, son e os equipos e maquinaria auxiliar poidan ter na Praza do Obradoiro.

 

Unha tradición que se remonta ao século XVI

 

O espectáculo nocturno das festas do Apóstolo é un espectáculo audiovisual e pirotécnico que se celebra en Santiago, na Praza do Obradoiro, na noite do 24 e 25 de xullo, e que anuncia o inicio das festas de Santiago, alcanzando repercusión internacional, e que remata co espectáculo pirotécnico do día 31 de xullo no Campus Sur.

 

As citas documentais máis antigas sitúan a súa orixe no século XVI, cando se iluminaba a praza con candeas de cores para resaltar o inicio do día do Apóstolo. Nos séculos XVII e XVIII aparecen as primeiras referencias ao fogo como tal, coa queima dun castelo e o lanzamento de cohetes.