O Consorcio de Santiago aposta por unha cidade dinámica que afunde as súas raíces en políticas de rehabilitación, na cultura e na ciencia. Neste sentido, organiza ao longo do ano diferentes exposicións que difunden a cultura e a historia da cidade.
EXPOSICIÓN ACTUAL
Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924
Casa do Cabido
A mostra fotográfica “Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924” invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido á afondar afondar no gran legado de Manuel Chicharro Bisi e a sentirse partícipe desta exposición xa que se xoga coa imaxe por medio dunha imaxinaria lupa ao aumentarse detalles que sen ela pasarían desapercibidos. Esta exposición foi organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) con motivo dun dobre aniversario, xa que se cumpren 175 e 100 anos, respectivamente, do nacemento e falecemento do ilustre fotógrafo.
EXPOSICIÓNS ANTERIORES
Ksado. Iconas de Galicia
Casa do Cabido
A mostra fotográfica “Ksado. Iconas de Galicia” invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido á afondar na historia da fotografía galega. Esta exposición de arredor de 300 obxectos entre imaxes, postais promocionais, cromos e material fotográfico orixinal, que pode considerarse como pioneira pola súa gran extensión, contén desde fotografía clásica de estudio ata postais comerciais ilustradas, así como unha cámara de fotos pertencente ao propio Ksado.
Lousas dun mesmo Mundo
Casa do Cabido
A mostra fotográfica "Lousas dun mesmo Mundo" é unha exposición do fotógrafo compostelán Denís Estévez coa que invita ao espectador a mirar máis alá do mundo en que vivimos e cuestionar o noso lugar nel. Un total de 20 fotografías en branco en negro xogan coa fotomontaxe e a collage para crear unha evocadora composición e montaxe final. Cada unha das imaxes está composta por dúas imaxes que separadas carecen de sentido pero que xuntas crean unha visión poética. O resultado é un conxunto fotográfico que semella un "poemario visual" aberto á contemplación, á crítica e á reflexión. 20 fotografías, 20 poemas abertos á libre interpretación do visitante, que poderá adentrarse na peculiar mirada do artista na Casa do Cabido.
.
Santiago proxectado, arquitecturas non construídas
Esta mostra pioneira reúne por primeira vez en Compostela e en Galicia unha serie de proxectos urbanísticos e arquitectónicos xestados ao longo da historia da cidade e que por diversas circunstancias non chegaron ao seu fin e permanecen no descoñecemento ou no esquecemento. A exposición analiza un total de catorce proxectos que puideron supoñer unha enorme mudanza na configuración urbanística da Compostela que hoxe en día coñecemos. Algunhas destas propostas foron redactadas por grandes mestres da arquitectura do talle de Rafael Moneo, Álvaro Siza, Norman Foster, Antonio Palacios ou Alejandro de la Sota, entre outros. Ademais, unha liña do tempo nomea un total de máis de corenta proxectos non executados pouco coñecidos.
Lorca en Compostela
Esta exposición pioneira reúne manuscritos, vídeos, debuxos, fotografías, testemuños e documentos varios, ademais de audios históricos, sobre a profunda relación que o poeta andaluz Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 - Víznar, 1936) mantivo con Santiago de Compostela e coa lingua e culturas galegas. Está estruturada en dez apartados con máis de 80 pezas e documentos, cedidos por 25 institucións e particulares, e dos que algún deles se exhiben por primeira vez ao público.
A radio en Galicia celebra en 2023 noventa anos desde que a emisora EAJ-4 amosou por primeira vez o son das campás da Catedral. Nesta exposición faise un percorrido a través de catro salas polas voces históricas que compuxeron Radio Galicia ao longo dos seus noventa anos de historia, así coma os seus programas, eventos e noticias. Tamén se poderán ver obxectos únicos como radios antigas da colección dos Portela Seijo e a súa gravadora de fío dos anos 40, ou a placa orixinal de EAJ-4.
En 2023 fanse setenta anos da fundación do Moto Club Compostela, asociación deportiva e cultural de entusiastas e afeccionados ao mundo da moto con sede en Santiago de Compostela. Esta exposición é unha homenaxe para dar a coñecer a historia e evolución deste tempo.
Motocicletas, fotografías, carteis, vestimentas e outros obxectos curiosos farán que os visitantes se trasladen a outras épocas, unha viaxe na que se sintan partícipes dun club de motociclistas con gran influxo e arraigamento na cidade santiaguesa.
Compostela 0.0. Mónica Montero
Casa do Cabido
Esta exposición amosa fotografías de Mónica Montero tiradas durante o confinamento de marzo e abril de 2020 nas que se amosa un Santiago desde unha perspectiva nova, desoladora e ao mesmo tempo espléndida. Onde a axitación e o alboroto das rúas deron paso á soidade e a calma.
Romero Masiá. `Pintor en Compostela´. Abstracción/Figuración
Casa do Cabido
Esta exposición amosa os últimos dez anos de traballo do pintor compostelán Rafael Romero Masiá. Exhíbense obras de diferentes series, algunhas totalmente abstractas, outras meramente figurativas e outras que conxugan ámbolos dous conceptos. Á súa vez hai diversidade de técnicas e soportes como papel, táboa, tea, metacrilato, cartón pluma… e materiais como ceras, óleos, lapis e mesmo algunha incursión no mundo dixital.
Memorias do Café Derby (1929-2020)
Casa do Cabido. Ata o 13 de febreiro de 2022
Esta mostra percorre os 90 anos de historia do emblemático Café Derby, referente cultural en Compostela. Amosa documentación e imaxes inéditas do Café e unha recreación do espazo orixinal, con algúns dos elementos mobles como as cadeiras, mesas ou lámpadas. Nas súas cadeiras sentáronse intelectuais ilustres como Valle-Inclán, Seoane, Maside, Carvalho Calero, Torrente Ballester, Colmeiro, García Sabell, Casares, Manuel María ou Castelao.
Lado, unha saga de ourives composteláns
Casa do Cabildo. Ata o 24 de outubro de 2021
A exposición está dedicada ao ourive Julio Lado Martínez, derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX. Reúne unha selección de pezas realizadas por el ao longo da súa vida como mestre do cincelado e do repuxado, técnicas centenarias en perigo de desaparición. Recreouse ademais un pequeno taller artesanal, con ferramentas tradicionais moi antigas.
Dobre Quadratura
Casa do Cabido. Ata o 23 de maio de 2021
Esta mostra enxalza o espírito barroco da Casa do Cabido, auspiciando a idea do misterio que se oculta tras o pano pétreo da súa fachada. E, como na vella técnica pictórica da Quadratura, na que o engano artístico (trompe-l'œil) propiciaba que as figuras flotasen elevándose nun imaxinario ascenso cara ao firmamento, os artistas Lois Patiño e Jorge Perianes interveñen o espazo das salas, creando o seu singular acto escénico.
Vínculos de Compostela
Casa do Cabido. Ata o 31 de decembro de 2020
Esta exposición reúne 55 fotografías da cidade de Santiago realizadas por membros do colectivo Fotoforum Compostela. As instantáneas amosan a relación dos fotógrafos con 53 lugares emblemáticos da cidade. Os autores comparten co público o traballo de creación interna que cada un experimentou ao longo do proceso. Así, cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se inclúe a emoción particular ao (re)descubrir Compostela.
Des_facendo o xénero (a través da arte)
Casa do Cabido. Ata mediados de outubro de 2020
Esta exposición colectiva e interdisciplinar artéllase sobre a idea das identidades de xénero como construción social e sobre os mecanismos que pode aportar a creación artística para romper con elas. Amósase a obra plástica (pintura, debuxo, escultura, fotografía…) de dez artistas: Óscar Aldonza, Xoana Almar, Thomas Apostolou, Belén Chorén, María Eiras, Carlota de Leal, Pablo Martínez, Monica Mura, João Pires e Neves Seara. E os textos literarios de tres escritoras: Alicia Díaz, Silvana Lameiro e Patricia Meira.
A paisaxe e a súa pegada II
Casa do Cabido. Ata finais de decembro de 2019
Os fotógrafos Andrea Costas, Eva Díez, Denís Estévez e Xoán Soler exhiben un enfoque sorprendente do Camiño de Santiago e da cidade compostelá a través do contorno que os rodea. En cada un deles hai unha vontade de estilo propio, unha intención artística de explorar a maternidade como un territorio de tránsito ou proxectar paisaxes ocultas entre a néboa, atrapadas no silencio da noite ou na beleza do paso das nubes. As fotografías entran en diálogo con fragmentos literarios e poéticos de Valle-Inclán, Borges, Olalla Barro e do xaponés JunichiroTanizaki. Esta exposición está integrada no proxecto “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago promove ligado ao Xacobeo 2021.
A paisaxe e a súa pegada I
Casa do Cabido. Ata outubro de 2019
Catro fotógrafos -Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz- amosan a súa particular visión da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade. É unha mirada aberta á metáfora e chea de contrastes e simboloxía. As súas instantáneas mestúranse cos versos de Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar. Trátase da primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrancará nos últimos meses do ano. Está integrada no proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago promove vencellado ao Xacobeo 2021.
Figurando lembranzas
Fundación Granell. Ata finais de setembro de 2019
Enmarcada dentro do proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, esta exposición reúne 17 cadros de pintores galegos que estiveron exiliados ou emigrados en Latinoamérica. Son obras de Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell. Teñen como fío condutor a paisaxe. Cada unha das pezas reflicte as influencias que estes artistas recolleron nos países de acollida, como lles marcou o seu contorno.
Compostela monumental
Casa do Cabido. Ata xullo de 2019
Nesta mostra pódense contemplar debuxos da cidade histórica de Santiago realizados polo militar Andrés Freire, artista autodidacta que comeza a debuxar e a pintar dende moi novo e aos seus 91 anos segue a manter a súa paixón pola pintura. Son un total de 36 obras de gran tamaño (45 x 67 cm) realizadas con Flomaster e nelas amósase o amor do artista por Compostela. O Obradoiro, Praterías, o Toural, o Mercado de Abastos, Bonaval, o Pórtico da Gloria, Porta Faxeira, Fonseca… son algúns dos espazos que o autor plasma nos seus debuxos.
Elas, retrato dun mercado
Casa do Cabido. Ata principios de maio de 2019
Esta exposición reúne 40 fotografías realizadas polo fotógrafo compostelán Manuel Blanco, protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos de Santiago. A través desta iniciativa preténdese reivindicar o papel da muller tradicional galega, visibilizar o esforzo titánico destas mulleres dentro e fóra da casa. Son na súa maioría retratos e tamén se exhibe un vídeo con imaxes e comentarios das protagonistas, que falan da súa realidade, do seu día a día, o que nos permite achegarnos un pouco máis a elas.
Nun recuncho de ningures
Casa do Cabido. Ata mediados de marzo de 2019
Esta mostra aglutina 50 pezas realizadas por Salvador GB Pereira “RADU” con materiais reciclados. Son na súa maioría esculturas e tamén algunha pintura, ademais de mobles reconvertidos en obras de arte. O artista exprésase a través de materiais como o papel, o cartón e a madeira; materiais de desfeito aos que dota dunha nova vida, transformándoos en pezas únicas de aspecto primitivo. O resultado son un conxunto de obras figurativas, tanto humanas como animais e outras de carácter imaxinario.
Tres anos de Compostela Ilustrada. Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe
Casa do Cabido. Ata o 9 de xaneiro de 2019
Esta exposición reúne unha selección de debuxos das tres edicións de “Compostela Ilustrada”: 2016, 2017 e 2018. Un centenar de obras de 32 artistas, entre eles Miguelanxo Prado, Javier Mariscal, Catel Muller, Mr. Zé ou o xaponés Ikeda Munehiro. A través desta iniciativa búscase descubrir e promocionar unha cidade diferente aos composteláns e aos seus visitantes. Cada unha destas obras caracterízase pola frescura e o achado de capturar o momento que reflicten.
A Banda Municipal de Santiago. 170 aniversario
Casa do Cabido. Ata mediados de novembro de 2018
Esta mostra parte do traballo de investigación da musicóloga Beatriz Cancela, cuxa tese de doutoramento culminou no libro “La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848”, editado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora e que se presentaba en 2017. A exposición divídese en cinco partes que repasan as diferentes etapas da agrupación, unha das máis antigas do panorama nacional, con fotografías de cada época, referencias á vintena de mestres que a dirixiron, partituras, instrumentos, premios, documentos diversos e mesmo uniformes dos músicos.
Compostelaneando a miña fauna. Muller, Xapón, Cacto…
Casa do Cabido. Ata mediados de setembro de 2018
Un total de 51 pezas en pequeno formato do escultor José Francisco López Noya, máis coñecido como “Francés”. A exposición divídese en dúas partes diferenciadas. Por un lado, o artista réndelle homenaxe á muller, a través de pezas nas que critica o machismo da sociedade actual. E outra parte céntrase en Xapón, con diferentes motivos da cultura nipona, á que está moi ligado o escultor. As pezas están realizadas con materiais autóctonos, en particular madeira e ferro reciclados. Tamén está presente o cacto como elemento recurrente na obra de “Francés”.
A pegada do coñecemento
Casa do Cabido. Ata principios de xullo de 2018
Esta mostra reúne os principais fondos da biblioteca histórica do IES Arcebispo Xelmírez I, que comezou a ser restaurada hai dous anos co apoio do Consorcio de Santiago. Entre as xoias que poden contemplarse destacan Las obras de Pvblio Virgilio Maron, que datan de 1650; un exemplar de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro de 1884; a Historia de la Iglesia de Santiago de Compostela do cóengo Antonio López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1909; a Biblioteca de Autores Españoles, de 71 tomos, publicada en 1864; varias edicións do Diccionario de la Lengua Española da Real Academia; dicionarios e gramáticas dos séculos XVIII e XIX; manuais de matemáticas, historia, física, química, grego...; atlas antigos, lexislación, revistas científicas, láminas murais… xunto a pezas do século XIX de gran valor que se conservan no museo do centro.
Parafernalia
Casa do Cabildo. Ata principios de abril de 2018
“Parafernalia” é unha retrospectiva da obra do escultor César Lombera, autor das estatuas das Marías e do Valle-Inclán da Alameda compostelá. A exposición amosa o universo popular, fantástico, festivo, teatral e colorista do autor ao longo das súas diferentes etapas. Reúne esculturas, debuxos, cadros, máscaras, xigantes e cabezudos e ata a Coca e o Coco da Catedral de Santiago. Boa parte do traballo do escultor baséase no estudo das tradicións galegas, que en moitas ocasións reinterpretou dende a ironía e o humor acedo.
Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade
Fundación Torrente Ballester. Ata mediados de decembro de 2017
Casa do Cabido. Ata mediados de decembro de 2017
Colexio de Fonseca. Ata o 30 de setembro de 2017
Na Casa do Cabido faise balance das máis de 200 publicacións e exposicións promovidas polo Consorcio, así como o seu labor de difusión e promoción da cidade, ao tempo que se exhiben fotografías e documentos vencellados ao organismo que xa forman parte da historia compostelá. Na Fundación Torrente Ballester reúnese a actividade da Oficina Técnica ao longo destes 25 anos, con grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, a restauración de monumentos, as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes do centro histórico, as intervencións en equipamentos relevantes e as grandes obras impulsadas polo ente na cidade, xunto ao Plan Director do Camiño Francés e a Estratexia Verde.
Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela
Casa do Cabildo. Ata principios de xullo de 2017
Esta exposición de fotografías mostra a evolución da cidade de Santiago, dende as súas orixes ata a actualidade, a través de lugares emblemáticos pertencentes a diferentes épocas históricas. Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes, integrados na Asociación Cultural Fotoforum Compostela. Recolle espazos tan diversos como a necrópole neolítica Chans de Figueiras, o Pazo de Xelmírez, o Pazo de Monroy, a Casa do Deán, o Pazo de Raxoi, a Finca do Espiño, o Pazo de Santa Cruz, a Cidade da Cultura, a dársena da Avenida Xoán XXIII, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a estación do tren…
Rostros. Carlos Maside
Casa do Cabido. Ata mediados de marzo de 2017
O Consorcio de Santiago promove esta exposición de retratos realizados polo pintor Carlos Maside a personaxes contemporáneos seus (Valle-Inclán, Otero Pedrayo, Manuel Azaña, Ramón Cabanillas, Ánxel Casal, Manuel Colmeiro…), rostros que o artista recolleu durante os anos 20 e 30 do pasado século. A mostra reeúne máis de cen retratos, feitos a lápis, pluma ou tinta sobre papel; xunto a dous gravados, un de Castelao e un autorretrato do propio autor. Expóñense ademais unha serie de fotografías do pintor, algunhas das cales se exhiben por primeira vez; libros e documentos que axudan a contextualizar a figura deste artista nunha etapa, a da preguerra en Galicia, inqueda e chea de cambios sociais, políticos e culturais.
Compostela, a Terceira Dimensión
Casa do Cabido. Ata o 11 de decembro de 2016
Esta mostra reúne un total de 35 fotografías en 3D representativas do casco histórico e da catedral compostelá tomadas ao longo dos últimos dezaseis anos polo estereógrafo galego Enrique Criado. Hai imaxes nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas.
Picheleir@s
Edificios do centro histórico de Santiago. Ata principios de outubro de 2016
Esta exposición, inaugurada en 2014, recolle a maioría de oficios e profesións -moitos xa desaparecidos- que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Son 30 bandeirolas que mostran a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron: rúa da Acibechería, Praza de Cervantes, Casas Reais, Porta do Camiño e na Rúa de San Pedro.
Camilo Otero. Raíces de Compostela
Casa do Cabldo. Ata finais de setembro de 2016
Esta exposición reúne pezas diversas do multidisciplinar artista compostelán Camilo Otero, falecido en 2003. Permite facer un percorrido pola riqueza da súa produción artística nas súas variadas facetas e medios de expresión: esculturas de pequeno formato, gravados, pranchas para gravados, pinturas, litografías...
Airiños Aires, Rosalía
Casa do Cabildo. Ata finais de xuño de 2016
“Airiños Aires, Rosalía” é unha exposición de instantáneas na que o fotógrafo galego Xurxo Lobato rende homenaxe á ilustre poetisa. Patrocinada pola Obra Social “la Caixa”, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, é froito dun traballo de tres anos. Reúne 50 imaxes en branco e negro que amosan os referentes espaciais máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que tan intensamente poetizou. As fotografías van acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía.
Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo
Casa do Cabido. Ata mediados de abril de 2016
Auditorio de Galicia
Baixo o título “Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo”, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promove dúas exposicións conmemorativas dos vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra repártese en dous espazos, a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra). Pódese contemplar unha selección de fotografías antigas e máis actuais da agrupación, sacadas na súa maioría polo fotógrafo Xaime Cortizo e polo frautista da orquestra Luis Soto. Tamén se exhiben vídeos e escóitase música da RFG.
Unha ollada ao pasado. Colección de Uxío de la Riva Pol
Casa do Cabido. Ata mediados de febreiro de 2016
Esta exposición reúne unhas 270 postais antigas da cidade de Santiago, que forman parte da colección privada do compostelán Uxío de la Riva Pol, do que se cumpre o décimo aniversario do seu falecemento e que deixou depositadas no Museo do Pobo Galego. A mostra permite facer unha viaxe ao pasado, a aquela outra Compostela quizais máis pausada, máis entrañable… diferente á actual. Abrangue dende os primeiros anos do século XX ata os anos 50-60. Nela pódense contemplar imaxes que aínda perduran na retina de moitos composteláns como a estatua de Montero Ríos na praza do Obradoiro, a de Ventura Figueroa fronte ao colexio de San Clemente (hoxe Instituto Rosalía de Castro), o desaparecido cuartel de Santa Isabel, a praza da Quintana arborizada, o edificio Castromil na praza de Galicia, o desaparecido sanatorio Baltar, as rúas ausentes de escaleiras ou a Exposición Rexional Galega de 1909.
Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo
Casa do Cabido. Ata novembro de 2015
Museo do Pobo Galego. Ata setembro de 2015
Esta mostra de instantáneas do fotógrafo compostelán Ramón Sánchez Estalote (1908-2002) repártese entre a Casa do Cabido e o Museo do Pobo Galego. Ámbolos dous espazos reúnen no seu conxunto máis dun centenar de fotografías vencelladas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como imaxes relacionadas con oficios da época como as leiteiras ou os feriantes. Estalote foi un deses fotógrafos ambulantes aos que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, perseguía sempre un continuo cambio de escenario para as súas tomas. Coa súa cámara Leica ao ombro, deambulou durante máis de seis décadas por Compostela e mantívose activo ata preto de cumprir os 90 anos.
CENTO25 sinerxias creativas. EASD Mestre Mateo (1888-2013)
Casa do Cabido. Ata o 28 de xuño de 2015
A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo presenta na Casa do Cabido unha mostra conmemorativa dos 125 anos do centro. A exposición, realizada polos estudantes da especialidade de Arquitectura Efémera como proxecto do curso, reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha variedade de produtos deseñados polos alumnos.
Bosques de prata. Eloy Gesto, ourive
Casa do Cabido. Ata o 10 de febreiro de 2015
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño promove esta exposición, que reúne pezas da colección privada do ourive Eloy Gesto. Foi o fundador da Asociación de Ourives de Santiago de Compostela, formou parte do Padroado da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e da Comisión Galega de Artesanía. A pegada característica dos seus traballos levou á ourivería compostelá a uns límites de experimentación únicos. As súas formas ondulantes, con inspiración na natureza, son formas orgánicas, onde a liña curva ten un gran protagonismo.
Compostella dicitur
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago abriu as súas portas coa exposición Compostella dicitur. A cidade da catedral. Nela recréase o Santiago do século XIII, a partir de aplicacións interactivas e de reconstrucións virtuais que permiten coñecer o aspecto e a evolución urbana da cidade ou acompañar a un peregrino no seu percorrido pola Compostela medieval. Ademais, dúas pantallas xigantes recrean o aspecto da catedral románica, tal e como a viron quen a coñeceron tras a súa consagración, en 1211. Por último, unha maqueta de máis de 20 m2 reconstrúe a fisonomía do Santiago do século XIII, coa catedral románica en todo o seu esplendor, as igrexas e conventos, as portas e a muralla. Para a súa realización seguíronse as descricións que da cidade e da catedral fai o Códice Calixtino.
Gold, green and black
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 31 de decembro de 2014
O Consorcio de Santiago reúne nesta mostra 60 fotografías que ilustran a gama de cores tan característica da cidade compostelá. Son imaxes dos fotógrafos galegos Alberte Peiteavel, Adolfo Enríquez e Tono Arias e da deseñadora Uqui Permui, directora da montaxe. Estas instantáneas permiten sumerxirnos na cidade e gozar das cores que a visten nos diferentes momentos do día, durante a noite, con sol e tamén con choiva.
Mar interior. Miguelanxo Prado
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 31 de decembro de 2014
O Consorcio de Santiago e “El Patito Editorial” recollen nesta mostra a traxectoria do debuxante galego Miguelanxo Prado, un dos máis recoñecidos en Europa, cun total de 59 pezas orixinais. A sala grande do museo está dedicada ao mar e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con ilustracións da cidade de Santiago e unha selección dos seus traballos en distintas linguas. Noutra sala móstrase un compendio das súas primeiras incursións no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra, que se completan cunha homenaxe ao Xabarín, personaxe que Miguelanxo Prado creou nos noventa.
Os instrumentos do Pórtico da Gloria
A exposición “Os instrumentos do Pórtico da Gloria” é unha mostra organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Fundación Barrié de la Maza. Componse dunha selección de réplicas en madeira de fídulas, harpas, salterio, organistrum ou laúde, que pertencen á colección da propia fundación. Dous paneis interactivos onde se poden ver as pezas en 3D, así como un documental sobre a súa construción, complementan a mostra, que aporta información gráfica sobre o sitio que cada instrumento ocupa na xoia románica do mestre Mateo. Igualmente, nun facsímile do Códice Calixtino pódese ver a música que se interpretaba na Idade Media.
Os tesouros da illa de Granellandia
Fundación Granell. Ata o 23 de novembro de 2014
O Consorcio de Santiago, en colaboración con “El Patito Editorial”, promove esta exposición, que recolle as ilustracións do conto homónimo escrito por Francisco López-Barxas. Trátase de partes dunhas 30 obras do pintor surrealista galego Eugenio Granell ás que o deseñador Fausto Isorna engade ao protagonista desta historia, que se integra coas pezas orixinais do xenial artista. Son trazos feitos con xiz de cor branca con fondo en negro que contrastan co colorido dos cadros de Granell. Así, a exposición reúne as diferentes ilustracións que compoñen o libro e, xunto a cada unha delas, unha reprodución dos cadros orixinais que apoian o relato.
Compostela Cidade Ilustrada
Casa do Cabido. Ata outubro de 2014
Esta exposición, promovida por “El Patito Editorial”, reúne máis de 60 obras de distintos ilustradores españoles e estranxeiros que retrataron a cidade de Santiago de Compostela nas súas creacións. A través desta iniciativa preténdese reflectir o protagonismo que Santiago foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, o caderno de viaxes e o cómic durante os últimos anos. O conxunto destes debuxos e ilustracións son unha parte moi representativa de todo o material gráfico que existe na actualidade neste eido vencellado a Compostela.
Picheleir@s
Casco histórico de Santiago de Compostela. Ata outubro de 2014
“Picheleir@s” é unha exposición do Consorcio de Santiago que recolle a maioría de oficios e profesións que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Exhíbese a través dunhas bandeirolas penduradas de 30 edificios do casco histórico compostelán. Cada bandeirola mostra a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron. Son oficios tan singulares como os coidadores de canos, cambeadores de moedas, pregoeiros das ordenanzas municipais, pedreiros, acibecheiros, cereiros, fogueteiros, vendedores de liño, hostieiros, leiteiras e, por suposto, os picheleiros.
Exposición conmemorativa dos 75 anos do Exército do Aire
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 16 de xullo de 2014
Esta mostra itinerante, organizada polo Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire, pretende difundir a historia e a evolución do labor diario desta forza aérea e ofrecer unha visión dos cambios que experimentou ao longo destes 75 anos. A exposición componse dunha serie de paneis a gran tamaño con fotografías e texto que destacan os principais feitos históricos do Exército do Aire. Reúne ademais maquetas, uniformes, carteis e obxectos diversos pertencentes aos fondos do Museo de Aeronáutica e Astronáutica. Tamén hai fotografías aéreas de Santiago de Compostela e información relativa a personaxes relacionados coa cidade.
Ayer y hoy de los caminos a Santiago por Castilla y León. El Camino Francés
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 4 de xullo de 2014
Esta exposición itinerante, promovida pola Xunta de Castela e León e impulsada pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, reúne 58 imaxes antigas en branco e negro de diversos lugares do Camiño Francés ao seu paso polas provincias de Burgos, Palencia e León. As fotografías forman parte dos fondos da Filmoteca de Castela e León e pertencen a diferentes autores. A estas instantáneas antigas contrapóñense outras tantas actuais, realizadas en cor polo fotógrafo valisoletano José Luis Santos Cid, que buscou a perspectiva e o encadre máis semellantes aos das orixinais. Móstrase así a evolución do Camiño ao seu paso pola comunidade leonesa nos últimos 40 anos.
Luis Gabú. Arte e ritual na catedral de Santiago
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata xuño de 2014
O artista coruñés Luis Gabú mostra o ritual da catedral de Santiago a través de 29 fotografías en branco e negro. As imaxes están inspiradas na relixiosidade envolvente dos rituais no “impactante, hipnótico e misterioso” escenario do templo compostelán. As instantáneas reflicten “a intimidade dun mundo verídico pero, ao mesmo tempo, máxico, configurado pola presenza dos peregrinos na súa viaxe”. Dende o punto de vista artístico, as fotos xogan cos contrastes entre luces e sombras para explicar os contrastes propios das relixións.
Compostela interpreta os pioneiros da fotografía
Esta mostra reúne 51 instantáneas realizadas por outros tantos fotógrafos da Asociación Cultural Fotoforum Compostela, que decidiron reinterpretar as imaxes dos grandes mestres desta arte entre 1840 e 1930. Fixáronse como reto emular no presente, coas técnicas modernas, e dentro do contexto da cidade de Santiago, os grandes persoeiros da fotografía que foran, no seu tempo, pioneiros nunha nova disciplina artística. Trátase de referentes como André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham, Jacques Henri Lartigue, Manuel Chicharro Bisi, Hippolyte Bayard ou Alexander Rodchenko, entre outros.
Santiago de Compostela en branco e negro
Casa do Cabido. Ata mediados de xuño de 2014
Unha mostra de 53 fotografías en branco e negro do fotógrafo Alberte Peiteavel. Permite facer un percorrido pola arquitectura da cidade de Santiago de Compostela, dende o casco histórico e as súas construcións monumentais ata as zonas máis novas, con construcións máis modernas. A través desta exposición descubrimos como o paso do tempo foi configurando un dos conxuntos arquitectónicos máis espléndidos e harmónicos do mundo. Cidade monumental ante todo, constitúe unha marabilla pétrea chea de contrastes. A mostra está promovida por Teófilo Comunicación en colaboración co Consorcio.
Os milagres do Apóstol Santiago
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Esta exposición fotográfica inclúe 22 pinturas do artista coruñés Antón García Patiño (1932-2010), unha talla en madeira policromada de Santiago Peregrino do século XVI, o cortavento da Porta Santa, obra de Francisco Leiro en 1993, e unha edición facsímile do Códice Calixtino. A serie pictórica, que pertence ao fondo artístico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, detalla os milagres do Apóstol Santiago o Maior, tal como recolle o Libro II do Códice Calixtino, que na Idade Media serviron para difundir e aumentar a fama internacional do culto xacobeo.
Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 11 de abril de 2014.
Esta exposición fotográfica enmárcase na celebración do Ano Dual España-Xapón 2013-2014. Un conxunto de 44 fotografías que forman dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau. A mostra, producida pola Oficina Municipal de Turismo, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Consorcio de Santiago e a Casa Galicia Xapón. O percorrido pola mostra permite comprobar como forxaron a súa identidade os dous Camiños, declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Rúas de Compostela. De onte a hoxe
Casa do Cabido. Ata marzo de 2014
Un percorrido pola historia e a evolución dos nomes presentes no rueiro histórico santiagués, acompañado de reproducciones de planos históricos, que evidencian o desenvolvemento urbano da cidade. A exposición repasa a historia da nomenclatura de 61 rúas e mostra o público algúns dos rótulos que luciron nas rúas até 1965. Tamén se mostra unha audiovisual con filmacións e fotografías antigas. [Ver paneis] [Ver peanas]
A Berenguela
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata novembro de 2013.
Exposición fotográfica sobre a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, recentemente restaurada. Aproveitando esta restauración, o fotógrafo de Teófilo Comunicación, Alberte Peiteavel, realizou unha extensa reportaxe fotográfica que permite descubrir detalles arquitectónicos que habitualmente pasan desapercibidos ao ollo do viandante.
Espírito do viño. O viño como valor relixioso
Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Maio-Outubro 2013. En colaboración con Fundación Dinastía Vivanco.
A cultura do viño e a súa relación coas diferentes relixións é o tema central desta exposición que ocupou unha das salas do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Está ideada como un percorrido artístico a través de importantes obras de arte de diferentes estilos e épocas históricas, representativas de diferentes culturas e ritos nos que intervén o viño. Xunto a pezas do II milenio a. C. de Oriente Medio ou do antigo Exipto, tamén se expuxeron obras de Rembrandt, Dalí e Picasso, en total 107 pezas, moitas delas expostas por primeira vez ao público, pertencente ás coleccións privadas da Fundación Dinastía Vivanco.
A Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a Exposición de 1858
Casa do Cabido. Abril-Outubro 2013.
Esta exposición quixo lembrar a importancia da Sociedade Económica de Santiago na dinamización e modernización da cidade e da comarca no século XIX, con iniciativas que fomentaron e reactivaron sectores primordiais como a agricultura, a gandaría, a industria, a pesca, a administración e a cultura. En concreto, a Sociedade promoveu a organización en Santiago dunha Exposición Agrícola, Industrial e Artística, en 1858, como método para a modernización destes sectores. A Exposición coincidiu ademais coa visita a Galicia da raíña Isabel II.
Memoria de Compostela
Casa do Cabido. Xullo 2012-Marzo 2013.
Exposición de fotografías antigas de Santiago, mostradas xunto a planos históricos da cidade e os antigos rótulos das rúas, retirados en 1965. A mostra serviu para recoñecer a tarefa que durante décadas realizou José Luís Cabo Villaverde na recuperación de material gráfico inédito, que contribuíu a enriquecer o patrimonio histórico-cultural de Compostela e que recompilou no seu libro Compostela. Memoria fotográfica, publicado en 1996.
HORARIOS E PREZOS
Casa do Cabido. Sala de exposicións
Praza das Praterías, Santiago de Compostela
Tlfno: 981 576 661
- Martes a sábados, de 10 a 14 h e de 17 a 21 h.
- Domingos de 11 a 14 h.
- Luns pechado.
- Martes a sábados, de 10 a 14 h e de 16 a 20 h
- Domingos de 11 a 14 h.
- Luns pechado.