Destinaranse 150.000 € ao mantemento de inmobles

xoves, 22 Febreiro, 2018

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega.

 

Na xuntanza deuse conta da aprobación da orde de axudas do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, por un importe global de 150.000 euros. Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Nesta convocatoria fomentarase o pintado das fachadas.

 

Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.

 

Valorarase o nivel de ocupación dos inmobles

 

Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases e da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Poderán presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro. Na avaliación das solicitudes valorarase que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio e primarase a incorporación de novos solicitantes. Tamén se terá en conta o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao seu nivel de ocupación.

 

Nova edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral

 

No transcurso da Comisión aprobáronse as bases da convocatoria do Curso Avanzado de Especialización Orquestral 2018/2019 da Escola de Altos Estudos Musicais, recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. Ofrécense 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.

 

Apoio a iniciativas culturais da cidade

 

No transcurso da reunión avanzouse na tramitación de varios convenios con organismos e entidades culturais da cidade. Nesta liña, o Consorcio ten previsto apoiar a realización do espectáculo dos fogos do Apóstolo con 220.000 euros. Ademais, podería aportar dúas subvencións ao Auditorio de Galicia, unha de 140.000 € para a edición 2018 do Festival de Cine “Cineuropa” e outra de 230.000 € para o financiamento de distintas actividades de carácter cultural que se van desenvolver na cidade ao longo deste ano.

 

Así mesmo, o organismo ten previsto axudar a diversas iniciativas de dinamización cultural, como é o caso da Fundación Granell, con 90.000 euros; e o curso internacional de música española “Música en Compostela”, que se celebra cada verán na cidade, con 80.000 euros.

 

Outros convenios analizados

 

Na xuntanza analizáronse outros convenios, en particular a renovación do convenio coa Universidade de Santiago para o desenvolvemento do Programa ConCiencia, que traballa polo achegamento da ciencia ao gran público e co que o Consorcio colabora dende a súa creación, no ano 2006. A finalidade é traer máis premios Nobel a Santiago e incrementar as actividades de divulgación científica na cidade.

 

Ademais, abordouse o desenvolvemento de dous proxectos coa AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais). Por un lado, trátase do “Conecta Fiction”, o evento internacional de televisión centrado na coprodución de series e miniseries de ficción entre Europa, Estados Unidos e América Latina, a Xunta de Galicia e a Fundación SGAE; que, tralo éxito da primeira edición, celebrarase de novo en Santiago no mes de xuño. E o curso de formación EAVE (Emprendedores Audiovisuais Europeos), dirixido a produtores, tanto de ficción como de documentais, en Europa.

 

Por outro lado, tratouse o convenio con AENA para o cambio de denominación do aeroporto compostelán de Lavacolla, que pasará a chamarse Santiago-Rosalía de Castro.