Programa de Mantemento

 

O Consorcio de Santiago convoca regularmente axudas destinadas a obras de mantemento en edificios do centro histórico. Convocatorias en 2006, 2009, 2012, 2013, 2017, 2018, 2019 e 2020.

 

¿Que se subvenciona?

-Obras de mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior, tales como fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.


-Con carácter especial e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da Cidade Histórica subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como gardacanos e conexión da instalación á rede xeral.


-As obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio relacionadas co mantemento da envolvente exterior, que inclúen obras de mellora das solucións construtivas da envolvente exterior compatibles co valor patrimonial dos edificios da cidade histórica (tales como illamento da cuberta, mellora de ventás practicables de cuberta, fachadas exteriores ou patios interiores). No caso de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio subvencionarase tamén o custo desta substitución.


-As obras de mellora do illamento acústico dos inmobles.


-As actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando á súa vez a introdución de novos produtos e derivados da madeira innovadores.


-Obras de restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira (tales como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios). 


-Obras de restauración de reixas. Tamén se subvencionará a realización das obras complementarias necesarias para a restauración destas reixas como a reparación das pedras soporte deterioradas.


-Aqueles custos adicionais e indispensables para a realización das obras tales como a colocación de medios auxiliares (estadas, plataforma elevadora, etc.)


-Os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra de mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior do edificio, así como das actuacións sobre os elementos especiais de madeira e reixas.


-Os honorarios profesionais de elaboración do informe de avaliación do edificio -IEE de uso de vivenda.

 

-Os honorarios profesionais de redacción do Plan de Mantemento do edificio de uso vivenda.

 


Beneficiarios

Propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble, así como as comunidades de propietarios.

 

Requisitos do inmoble

Estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica.

Uso principal vivenda.

Antigüidade superior a 10 anos.

Condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte á choiva.

 

 

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA O PROGRAMA “TER É MANTER" 2020, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos inmobles da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, publicada no BOE nº 26 de 30 de xaneiro de 2020.

 

Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións

 

O prazo para solicitalas é ata o luns 2 de marzo de 2020, ás 14.00 horas no Rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59. Tel. 981 57 47 00) ou por calquera dos medios admitidos na Lei de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común, facendo chegar por fax ao Consorcio (981 57 47 50) ou por correo electrónico (gerencia@consorciodesantiago.org) o resgardo da solicitude o mesmo día da presentación.